Uns 300 profesionais das TIC asistirán hoxe á Gala anual dos enxeñeiros de telecomunicacións

Actualizado: viernes, 19 octubre 2007 11:46

Touriño preside o acto, no que se entregarán varios premios para distinguir profesionais do sector

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Oct. (EUROPA PRESS) -

Uns 300 profesionais das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) asistirán esta noite, en A Toxa-O Grove (Pontevedra), á Gala anual dos enxeñeiros de telecomunicacións, que organiza o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG).

O acto da XII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2007 contará tamén, segundo anunciou a organización, coa presenza do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e outras autoridades.

No marco desta gala está prevista a presentación, por parte da Consellería de Innovación, da iniciativa 'Banda longa en Galicia: Acceso Universal á Información e aos Servizos'. Haberá unha proxección audiovisual no que se exporán os principais datos sobre cobertura, acceso e usabilidade de internet en toda a xeografía galega e sobre a importancia da Banda Longa como vehículo para a inserción dos cidadáns na Sociedade da Información.

Tamén está previsto que o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, expoña aos asistentes á gala as vantaxes de internet e as calidades da rede como instrumento clave de desenvolvemento para Galicia. O acto incluirá tamén a entrega de premios.

PREMIOS

Así mesmo, o director da División Técnica da Compañía Radio Televisión de Galicia (CRTVG), Antonio Posse, recibirá o venres o Premio Enxeñeiro 2007, máxima distinción outorgada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) para galardoar os profesionais desta disciplina.

Segundo informaron o COETG e a AETG, as razóns determinantes da elección deste galardón foi a "decisiva contribución" de Posse Pena ao "desenvolvemento da profesión" en Galicia, destacando a súa traxectoria profesional "asentada nun profundo traballo de base, dedicación e constancia"

Tamén foi elixido nesta edición o presidente da Corporación Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre como Socio de Honra da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación galega dada o seu "liderado en canto ao compromiso coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación", así como o "elevado compromiso de creación de emprego na comunidade".

Por outra banda, o Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais correspondeulle nesta ocasión ao Sistema Intelixente de Monitorización de Alertas Persoais (SIMAP) da sociedade Tecnocoid, que conforman as empresas Arteixo Telecom e Leveltelecom, xa que o seu sistema supón un "dinamizador do servizo de atención cidadá".