SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Jun. (EUROPA PRESS) -
Un grupo de investigadores do departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) traballa no desenvolvemento dun proceso para a captura de emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases ácidos a partir de residuos da industria dos crustáceos.
A base do proceso sería a reacción entre o dióxido de carbono e compostos obtidos tras o procesado de crustáceos e o obxectivo sería a consecución dun produto final aplicable en novos procesos industriais.
Este proxecto conta co apoio da Consellería de Innovación e Industria, pois o ano pasado concedeulle unha axuda de 74.500 euros para o período 2007-2010 no marco do Programa de Medio Natural e Desenvolvemento Sostible del Plan Galego de I+D+i.
Este equipo académico ten experiencia no campo da loita contra a contaminación gasosa, traballa no emprego de pneumáticos usados como combustible complementario en fornos de clinker e na captura de CO2 tanto con hidróxido cálcico como, no presente proxecto, con compostos derivados da quitina.
A industria de procesado de crustáceos produce unha grande cantidade de residuos a partir dos que se pode lograr quitina, un elemento presente en crustáceos, arácnidos e insectos, que dá fortaleza á cuncha ou casca e que é o segundo polímero máis abundante na natureza.
A partir da quitina obtéñense compostos axeitados para a captura de dióxido de carbono con reacción química. Os derivados cos que se traballa son a glucosamina e o quitosano, xa que cumpren coas características necesarias: son solubles na auga e conteñen grupos de amino.
PATENTADA.
Concretamente a técnica de captura de CO2 mediante disolucións acuosas de glocosamina, desenvolvida por este grupo de investigación, foi protexida mediante unha patente pola Universidade de Santiago de Compostela.
No proxecto, que dirixe José Manuel Navaza, deseñarase o proceso de captura tendo en conta aspectos relacionados coa reacción química, co reactor utilizado e coas condicións de preparación. A partir destas reaccións obterase o produto final, que incluirá o dióxido de carbono capturado.
Así, se estudarán as posibilidades de aplicación, principalmente no sector alimentario, e en procesos biotecnológicos e no tratamento de augas residuais. En agricultura probarase o seu uso na conservación da semente durante o almacenamento e tamén como aditivo para alimentos animais, xa que parece que, segundo explican os investigadores, "podería ter características beneficiosas para fortalecer zonas cartilaxinosas".
Ademais, este produto final podería actuar como soporte para a inmobilización de encimas en procesos biotecnológicos, como espesante en alimentos, axente de oxidación controlada ou axente preservante. Así, estas aplicacións faríano útil tanto para as industrias do téxtil e do papel coma para o sector alimentación.
APLICACION EN COSMETICA.
Outra posible emprego co que se experimentará é o de "atrapador" de graxas en produtos adelgazantes. No que se refire á cosmética, podería utilizarse como aditivo en produtos de afeitar e cremas para a pel.
En canto ao tratamento de augas residuais, probarase a súa eficacia como axente floculante e coagulante e o seu uso na eliminación de diferentes elementos, como graxas e aceites, metais ou xabóns.
Segundo os responsables da investigación, os resultados son de interese para a industria xa que "poden lograr unha saída" para o dióxido de carbono xerado, conseguindo converter un residuo nun produto con aplicación".
Ademais, sinalan que o proceso que se está a deseñar encaixa dentro dos parámetros da 'química verde', xa que os compostos "non teñen carácter corrosivo e permiten ser manipulado sen risco químico", aspectos moi positivos para a posible aplicación industrial.