SANTIAGO DE COMPOSTELA 2 Feb. (EUROPA PRESS) -
O Laboratorio de Radiofísica da Universidade de Santiago (USC) colabora coa industria aeroespacial coa realización de probas de resistencia á radiación de compoñentes dos satélites para o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA).
Así, segundo informou hoxe a USC, o traballo de deseño dos satélites que se atopan no espazo pasa polo campus de Compostela. O INTA participa no desenvolvemento de satélites artificiais en diversas misións nacionais e internacionais.
Os investigadores da USC deben calcular os niveis de radiación que reciben os compoñentes nas probas. Trátase dunha fase de "especial importancia", segundo Diego González, investigador do laboratorio, xa que no espazo, fose da atmosfera, "existen uns niveis de radiación moito máis altos que na terra".
Neste sentido, as probas permiten elixir os compoñentes electrónicos máis idóneos para os diferentes subsistemas e cargas útiles dun satélite.
Ademais, e como resultado das últimas probas realizadas co INTA no mes de xaneiro, se desenvolverá un novo detector que será de utilidade, segundo indicou a USC, no "deseño de futuros satélites así como para coñecer con maior exactitude qué dose de radiación recibirán os cosmonautas en futuras misións espaciais".