A Xunta destina 80.000 euros ao estudo dun sistema de optimización da visibilidade que desenvolve o CTAG

Actualizado: sábado, 2 junio 2007 15:39

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación e Industria destinará un total de 80.000 euros ao estudo dun sistema completo de optimización da visibilidade para a condución en condicións de luz baixas ou desfavorables no que está a traballar o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG).

O novo faro no que están a traballar será o primeiro do mundo en integrar un sistema de visión adaptativa baseada na tecnoloxía LED, baseada nun semicondutor que converte a electricidade en luz, e outro de visión nocturna con infravermellos.

Os responsables do proxecto manifestaron a súa confianza en que o sistema resulte "atractivo" para a industria tanto pola "efectividade" ao adaptarse ás condicións de luz como pola simplicidade mecánica e a liberdade de deseño.

Os faros nos que traballa o CTAG adáptanse "de forma automática" ás condicións, polo que a resposta ante unha circunstancia adversa "é inminente", sinalaron, polo que supera os modelos adaptativos xa existentes que presentan limitacións como a necesidade de motores eléctricos.

Pola súa banda, o sistema de infravermellos pode ser afastado ou achegado. O primeiro baséase na enerxía que emiten todos os corpos polo feito de ter unha temperatura e que pode ser captada por unha cámara técnica de forma que se mostren os corpos.

A modalidade achegada necesita dunha fonte de luz adicional para conseguir unha reflexión das ondas nos obxectos.