A Xunta unificará no 012 os seus 54 números de información e renovará este ano o seu portal institucional

Actualizado: lunes, 23 junio 2008 15:20

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Xunta xa ten en marcha o número de información xeral 012 que unificará de xeito progresivo aos actuais 54 especializados que existen na Administración autonómica, que pasarán a ser utilizados de xeito interno, segundo explicou hoxe o conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu.

En rolda de prensa, Méndez Romeu destacou que dende que se iniciou unha campaña con anuncios en televisión se incrementaron un 20 por cento as chamadas a este teléfono e que o obxectivo final é que "os cidadáns non acudan ás oficinas administrativas" e poidan ser atendidos de xeito "áxil e eficaz" a través deste medio.

Este novo servizo telefónico comezou en maio, cando recibiu 8.500 chamadas, das que o 61 por cento foron resoltas neste, o 38 por cento derivadas e o 1 por cento precisou unha rechamada ao cidadán.

Neste momento hai 15 teleoperadores que atenden esta información, aínda que existe un modelo escalable pro número de chamadas ou novos contidos sectoriais para que se vaian incorporando máis se é necesario. O horario de atención é de 8.00 a 22.00 horas os días laborais.

José Luis Méndez Romeu tamén confirmou que este ano os aspirantes a gañar unha oposición pública poderán tramitar a súa solicitude vía telemática que "a finais de ano" se levará a cabo "un cambio substancial no portal institucional" da administración www.xunta.es.

Explicou que nunha primeira fase "se investirán 400.000 euros para conseguir a integración das 400 webs da Administración autonómica e conseguir unha organización por feitos vitais" para que os cidadáns poidan acceder de xeito máis doado aos contidos que lle son de maior interese.

O conselleiro subliñou que con esta avance na administración electrónica "Galicia se sitúa ao mesmo nivel das comunidades máis avanzadas", pois dous terzos das españolas xa dispoñen deste modelo, "e das grandes empresas".