O 061 superou o millón de chamadas en todo 2024 e durante o apagamento recibiu unhas 2.400

Sanidade avanza que, se falla a subministración eléctrica, Urxencias Sanitarias estudará levar as súas comunicacións a centrais con xeradores

Archivo - Arquivo - Central de Urxencias Sanitarias-061 na Estrada (Pontevedra).
061 - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 13 mayo 2025 14:16

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 May. (EUROPA PRESS) -

   A central da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061 superou o millón de chamadas recibidas en todo 2024. Ademais, durante o apagamento do pasado 28 de abril recibiu unhas 2.400 chamadas e mobilizou recursos en case 1.000 ocasións.

   Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, durante unha visita realizada á sede deste servizo na Estrada (Pontevedra), onde estivo acompañado do director, Román Gómez.

   Desde alí, agradeceu o traballo que fan os 270 profesionais "altamente capacitados" do 061. A estes súmanse recursos como 130 ambulancias, tanto de soporte vital básico como de soporte vital avanzado, e dous helicópteros con bases en Santiago e Ourense.

   Ao longo de 2024, o 061 recibiu máis dun millón de chamadas --"o 93 por cento atendeuse en menos de dez segundos", engadiu-- e xestionou "preto de 320.000 mobilizacións de recursos asistenciais". "Esas cifras falan da potencia que pon en valor o que significa realmente o 061, unha entidade que traballa baseada nos principios de axilidade e proximidade", subliñou Gómez Caamaño.

ACTIVIDADE DURANTE O APAGAMENTO

   Especialmente, referiuse á xornada do apagamento que durou máis de 12 horas en boa parte do territorio galego, na que o servizo de urxencias recibiu case 2.400 chamadas e mobilizou recursos en case 1.000 ocasións.

   Segundo destacou Gómez Caamaño, durante as máis de 12 horas que durou a caída da subministración eléctrica, o 061 recibiu case 2.400 chamadas e mobilizou os seus recursos asistenciais en preto de 1.000 ocasións.

   Neste período, activáronse catro códigos ictus, atendéronse sete asistencias por ictus, dous infartos agudos de miocardio, unha reanimación cardiopulmonar, 24 accidentes de tráfico e ofreceuse atención domiciliaria a 121 pacientes con dificultades respiratorias.

   Así mesmo, o conselleiro de Sanidade avanzou que o 061 estuda un reforzo dos seus sistemas de comunicación que consistirá en levalos a centrais públicas que teñan xeradores eléctricos autónomos. Tamén avalía despregar unha rede satelital de órbita baixa para garantir a operatividade constante das súas comunicacións.

   Antonio Gómez Caamaño tamén felicitou á Fundación Urxencias Sanitarias por conseguir o selo europeo 'EFQM+600', a máxima distinción internacional coa que se recoñece a organizacións con mellor desempeño e xestión de calidade. "Só 13 entidades en España teñen o recoñecemento", destacou.

Contenido patrocinado