A abstención dos expulsados do PSOE e o 'non' do PP impiden aprobar unha factura de 400.000 euros do bus

A alcaldesa de Santiago non cre "lóxico" que se utilizase o punto do pleno dedicado a esta votación a criticar o cambio de contrato

Transcurso do pleno municipal en Santiago de Compostela, a 3 de xuño de 2025.
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 3 junio 2025 16:01

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Jun. (EUROPA PRESS) -

   A abstención dos catro concelleiros non adscritos e o 'non' do PP (11 votos en contra) impediu aprobar unha factura de máis de 400.000 euros relativa a gastos carrexados polo autobús urbano en 2024. Estes últimos enfrontaban a súa primeira sesión ordinaria nesta posición após a formalización da expulsión do Grupo Socialista en maio.

   "Para non obstaculizar, nós ímonos a abster, pero cunha advertencia de que as cousas non se fan así", esgrimiu Gonzalo Muíños, en referencia ao que el entende como unha falta de diálogo previa ao pleno. Fíxoo en nome dos concelleiros non adscritos, condición que comparte Mila Castro, Mercedes Rosón e Marta Álvarez e que antes pertencían ao PSOE.

    Esta abstención foi obxecto de "sorpresa" no PP, como mostrou o seu portavoz, Borja Verea, que anunciou a súa oposición ao pago da factura pendente após cualificar de "circo" o Goberno dirixido por Goretti Sanmartín: "Non conten connosco para limpar este auténtico desgoberno".

   O 'non' chegou tras unha quenda de intervencións que non se centrou estritamente ao debate deste punto, senón que o protagonismo compartiuno co cambio de contrato de autobús urbano.

   O anuncio do Concello deste luns foi o centro das críticas do PP e dos concelleiros non adscritos --anteriormente pertencentes ao PSOE--, así como do PSOE. Con todo, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, reprochou ás formacións políticas utilizar para este fin "un punto que non ten que ver" porque non o considera "lóxico".

   O asunto a tratar no punto 5 do pleno deste martes era un recoñecemento extraxudicial de crédito. Este referíase a unha débeda de 402.093,27 euros coa empresa Rías Baixas S.L. por gastos derivados da liquidación do ano 2024 correspondente á liña 7 de autobús urbano, da que está a cargo.

   Na súa primeira intervención, o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, xustificou que este expediente sufriu atrasos, froito de cambios na composición do departamento de Tráfico, que xa se está "achegando" a unha situación de "normalidade".

CRÍTICAS DOS CONCELLEIROS NON ADSCRITOS

   Gonzalo Muíños centrou a súa intervención na petición de "diálogo": "Creo que sería importante, antes de traer o recoñecemento extraxudicial de crédito, falar connosco".

   Así, pediu, en nome dos concelleiros non adscritos, "manter un diálogo e aplicar a transparencia" para explicar "en que punto atópanse as negociacións co titular da concesión". Na mesma liña, solicitou saber "con que horizonte temporal trabállase para poder regularizar este asunto, que non será a curto prazo porque a licitación do novo contrato non vai ser inminente".

   "Diálogo e transparencia, máis nada que iso", insistiu. "Vostedes contaron coa nosa empatía noutras cuestións nas que vós mesmo no pasado non aplicaron a mesma comprensión", afeou Muíños, en referencia ao apoio mostrado en anteriores ocasións durante os últimos anos de mandato, cando aínda formaban parte do Grupo Socialista.

   "Para non obstaculizar, nós ímonos a abster, pero cunha advertencia de que as cousas non se fan así", xustifico. Máis tarde, na quenda de preguntas orais, subliñou que non houbo unha "oposicion obstrucionista que puxese paus nas rodas". Nesa intervención, acusou o Goberno local de demorar o novo contrato de bus urbano: "A pesar do anuncio, seguen sen pór datas".

CRÍTICAS DO PARTIDO POPULAR

   A edila do PP María Rosario Ferreiro afeou, na súa quenda de palabra, que o Concello de Santiago "segue sen un contrato de transporte urbano". "O que evidente, é que se lles está atragantando esta contratación porque, despois de case dous anos de Goberno, adoptan esta decisión de cambio de tipoloxía", criticou.

   Ao mesmo tempo, acusou ao consistorio de "empezar de cero, cun contrato moi complexo, pendentes de distintos tipos de informes, no que aínda queda por ver á súa viabilidade".

   Pola súa banda, Borja Verea criticou, de igual forma, a xestión municipal, en alusión á débeda que se discutía este martes: "Por que hoxe discutimos unha factura irregular, este pago ilegal para pagar o aluguer de autobuses?", preguntou de forma sarcástica. "Porque houbo unha serie de políticos que non ficharon o seu traballo", hase autorespondido o concelleiro popular, en referencia aos anteriores gobernos de Compostela Aberta, o PSOE e o bipartito actual.

   O edil popular dirixiu os seus reproches a Xan Duro: "Vostede onte tiña que pedir desculpas aos santiagueses. Asumir a culpa por seis anos de atraso e marchar para casa". "Gran parte do salario que pagaron os santiagueses durante este seis anos era para que trouxesen a esta cidade autobuses novos, e non o fixeron", continuou.

   Na súa quenda de palabra, expresou "sorpresa" ante a postura dos expulsados do PSOE de cara á votación: "Estamos sorprendidos co que acaba de anunciar Gonzalo Muíños". "Isto é un circo que dirigide vostede", afeou, en dirección a Sanmartín".

   Nesta liña, anticipou o 'non' que, despois, contribuiría a impedir a aprobación do trámite: "Nin sequera os seus socios de goberno son capaces de aprobarlle as súas propias 'trapalladas'. Por tanto, non conten connosco para limpar este auténtico desgoberno".

POSTURA DO CONCELLO

   "Creo que estamos a mesturar temas", aseverou Xan Duro na súa réplica, en referencia ás alusións ao anuncio do novo contrato de bus dentro do debate sobre a débeda. A rexedora tamén foi crítica a este respecto: "Uilizar un punto que non ten que ver co tema do contrato de transportes non é lóxico que se faga".

   Con todo, Sanmartín defendeu igualmente a medida anunciada onte en rolda de prensa: "Os contratos de transporte son complexos en todos os concellos e todas as administracións". "Desde que chegamos aquí fixemos un esforzo importante para facer un proxecto que fose máis ambicioso", engadiu.

   Por iso, reiterou en que o seu Goberno "aproveita" o "traballo feito" para transicionar a un contrato de servizos. "Non facemos borrón e conta nova", aseverou.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado