O aluguer de parcelas do Banco de Terras increméntase un 17% no primeiro semestre

Archivo - Un home, Jesús Trastoy traballa o seu horto con máscara en Xermar, Cospeito, en Lugo, Galicia (España), a 22 de marzo de 2021. O sector primario foi fundamental durante a pandemia. Agricultores e gandeiros deron o mellor de si mesmos para que e
Carlos Castro - Europa Press - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: domingo, 1 agosto 2021 14:56

   Medio Rural destaca "unha paulatina e progresiva dinamización" coa posta en marcha da lei de recuperación de terras

SANTIAGO DE COMPOSTELA, XX (EUROPA PRESS)

   Un total de 400 parcelas, cunhas 220 hectáreas, do Banco de Terras foron alugadas no primeiro semestre deste ano, o que supón un incremento do 17% respecto ao mesmo período do ano pasado.

   Segundo informa a Consellería de Medio Rural a Europa Press, este aumento "indica a importancia dos novos instrumentos" para a mobilización de terras, dado que supera o crecemento de entre o 5% e 7% que se produciu en anos anteriores no primeiros seis meses do ano.

   Malia que "aínda é pronto" para avaliar a súa repercusión, este departamento destaca que a lei de recuperación de terra agraria --que entrou en vigor o 22 de maio-- "xerou unhas boas expectativas de cara á mobilización de terreos", pois se percibe "unha paulatina e progresiva dinamización" do Banco de Terras.

   Así, ferramentas contempladas na lei, como aldeas modelo, polígonos agroforestais e agrupacións de xestión "contribuirán a cimentar esa positiva evolución", valora Medio Rural.

INCORPORACIÓN DE PARCELAS

   Pola súa banda, a incorporación de parcelas ao Banco de Terras "avanza francamente ben". No principio do ano figuraban 12.134 parcelas xestionadas por este instrumento integrado na Axencia Galega de Desenvolvermento Rural, que se incrementaron até as 12.530 parcelas a mediados de mes de xullo.

   No tocante ás hectáreas, hai unha alza até as 6.315, unhas 280 hectáreas máis que a comezos de ano. Case todas corresponden con novas figuras de recuperación, fundamentalmente aldeas modelo, nas provincias de Ourense e Lugo.

   Por provincias, á cabeza está A Coruña (4.754 parcelas e 2.323,5 hectáreas). Séguenlle: Lugo (2.986 parcelas e 1.963 hectáreas); Ourense (3.106 parcelas e 1.462 hectáreas); e Pontevedra (1.684 parcelas e 566,5 hectáreas).

Contenido patrocinado