AM.-22-M.- Feijóo proclama que "moito peor" que mentir como un bellaco é "mentir como Zapatero e gobernar como o PSOE"

Feijóo En Becerreá: NP E Imaxes Do Acto (En Breve Remitiremos Audio E Vídeos Do
EP/REMITIDO
Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 12 mayo 2011 0:31

O líder do PPdeG asegura que se os pensionistas ou os funcionarios que sufriron recortes son "bellacos", el "tamén o é"

BECERREÁ (LUGO), 11 (EUROPA PRESS)

O líder do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu este mércores de que "moito peor" que mentir como un bellaco é "mentir" como, ao seu xuízo, fai titular do Executivo central, José Luis Rodríguez Zapatero, e "gobernar como o PSOE", ao tempo que se reafirmou en que a "primeira obriga" dun gobernante é "dicir a verdade".

Nun mitin en Becerreá (Lugo), ante medio millar de persoas e sen esquecer cargar contra os bipartitos, Feijóo fixo oco para lamentar as palabras pronunciadas na pasada xornada por Zapatero, quen avisou de que quen lle atribúa recortes "mente como un bellaco". "¿Son bellacos os cinco millóns de españois que queren traballar e non poden?", preguntouse Feijóo.

"¿Son bellacos os pensionistas aos que conxelaron as pensións? ¿Os funcionarios que ven a súa nómina e teñen un 5 por cento menos de soldo que antes? ¿Cada un dos cidadáns que aínda temos traballo e que non poderemos xubilarnos ata os 67?", continuou a súa enumeración de interrogantes para concluír a súa mensaxe: "se cada un deles é un bellaco, eu tamén o son".

Sen abandonar a Zapatero, o xefe de filas do PPdeG asegurou que lle gustaría escoitar aos candidatos e alcaldes socialistas, "que agora non queren que veña" o seu líder estatal, dicir que farán unha política económica "exactamente contraria" á que fixo este. "¿A que non o din?", preguntouse, antes de denunciar que a política económica de socialistas e nacionalistas é "a mesma".

Fronte a iso, o líder do PP galego remarcou que "a primeira obriga" dun gobernante é "dicir a verdade" e corrixir "o erro" dunha economía "mal planificada e do mal gasto". "Temos que empezar a buscar e a atopar, a corrixir o erro da división, o das contas públicas endebedadas e a pagar o que debemos", aseverou.

"UNHA SAÍDA"

Nun mitin que algúns asistentes tiveron que seguir dende o corredor por falta de espazo, Feijóo volveu cargar contra a mala xestión dos bipartitos, e, tras constatar que "non cooperarán" para superar a crise os que "non se poñen de acordo para gobernar" un concello, proclamou que hai "unha saída".

"Se somos capaces de facer gobernos unidos e responsables, esquecendo a división e se cremos no rural, hai saída", insistiu o xefe de filas do PPdeG, quen aproveitou a súa presenza na localidade de Becerreá para reafirmar o seu compromiso co sector agrario.

"MENSAXE DE ILUSIÓN"

O encargado de arrancar o mitin foi o presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, quen chamou a "aproveitar" a papeleta do 22-M para trasladar "unha mensaxe de ilusión e esperanza" a este país. "Nunca España se viu como está agora, temos a maior taxa de paro xuvenil do mundo e iso non se pode consentir", proclamou o dirixente popular, convencido de que na próxima cita coas urnas chegará aos concellos "o cambio" que se produciu en 2009 en Galicia.

No marco da estratexia de campaña dos populares, Barreiro volveu cargar contra os "gastos" dos bipartitos. Ao tempo, augurou que o candidato popular, Antonio González, quen pechou o acto, será o próximo alcalde de Becerreá, un pobo que non necesita "un alcalde dun partido", senón un rexedor "que goberne para todos".

Pola súa banda, o candidato popular á Alcaldía ratificou a súa disposición a "facer máis" polos cidadáns desta localidade lucense. "O 22 de maio sairemos decididos a gañar, pero non pensando nun partido, senón en cada un dos veciños", aseverou.

Artículos Relacionados

Contenido patrocinado