Advirte que a política de dereitas "non se resolve con máis dereita" e desmente a proposta de Aguirre sobre hipotecas
VERÍN (OURENSE), 11 (EUROPA PRESS)
O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiu este mércores que "se para o PP emprego é liberdade", entón o presidente dese partido e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "é un liberticida", e chamou a "darlle unha cura de humildade" á súa "soberbia" o próximo 22 de maio nas urnas.
O escenario foi o restaurante Brasil, o cal motivou que algúns dos 300 asistentes non dubidasen en levarse as súas consumicións ata os seus sitios para escoitar a intervención de Guillerme Vázquez, quen afirmou con rotundidade que "está clara que o voto que máis teme o PP é o voto do BNG".
"Falan de que emprego é liberdade --dixo en referencia ao lema da candidata do PP en Vigo, Corina Porro--. Pois si é liberdade e o señor Feijóo non crea ningún, é un liberticida", proclamou.
"Está claro, o 22 de maio o voto que máis teme o PP é o voto ao BNG. E iso é por dúas razóns: primeiro, porque o voto ao BNG é a forma máis segura de garantir que as políticas de dereitas cheguen aos concellos; segundo, porque o PP sabe que o BNG é o único obstáculo para que poida consumar os masivos recortes sociais que prepara para despois".
Guillerme Vázquez asegurou que o PP "peca de soberbia, de prepotencia e necesita unha cura de humildade", por iso, e para iso, apelou a apoiar ao BNG o próximo 22 de maio. "A mellor cura, é votar BNG, é a cura definitiva", proclamou.
E díxoo, porque considerou a necesidade de "abrir as portas, ventilar a Casa Consistorial, que boa falta lle fai", despois de 30 anos de goberno do PP. "O impulso que representa o BNG, as políticas e os valores que defende o BNG son máis necesarios que nunca: con corazón, con sentimento", recalcou o líder nacionalista.
"FORZAS CON ALMA"
Para Guillerme Vázquez, é preciso dar paso a "forzas políticas e a xente con alma, que pensen nas persoas, que se equivoquen ou non, pero que o fagan pensando en resolver os problemas da xente, non no seu propio beneficio", e manifestou que iso só o pode achegar o Bloque. Neste sentido, advertiu de que outras formacións "prometen" en campaña, pero despois, "se te vin non me acordo".
"Hai que rexenerar a vida política e abrir alternativas a esta dereita, que todo parece inundado", manifestou Guillerme Vázquez, quen constatou que agora que os emigrantes non poden votar "rematou o asesor e o axente electoral" en Arxentina, en referencia ao exempregado da Deputación de Ourense que asegurou que actuou como suposto axente electoral do PP en Arxentina.
AUSTERIDADE
Guillerme Vázquez non abandonou o seu discurso sobre o que el chama "falsa austeridade" do presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, e advertiu de que "a política de dereitas que practica o PSOE en Madrid non se soluciona con máis política de dereitas". Ao respecto, argumentou que en Galicia iso xa se sabe por como actúa o Executivo autonómico.
Para iso, improvisou un monólogo no que caracterizou a Feijóo como o "pai Feijóo" dun convento benedictino franciscano e no que Jiménez Morán (alcalde de Verín) era un dos seus acólitos. A el, segundo o relato de Guillerme Vázquez, o mandatario autonómico obrigaríao a comer unha "ensalada por austeridade", xa que se permitira comer un prato de callos.
Logo tivo palabras para o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, ao que, segundo a caricatura do líder nacionalista, Feijóo "obrigaríalle a levantarse ás tres" da mañá, porque "en lugar dun, estaba a comer xa dous pratos".
"BOTARSE Á FUGA"
Xa en serio, afirmou que "é un escándalo que o PP fale de austeridade". "Hai que ter valor, por non dicir outra cousa, para que o PP ande nestas cousas", sentenciou, e lanzou a advertencia, respecto da proposta de Esperanza Aguirre --presidenta da Comunidade de Madrid--, de que non se corresponde coa realidade.
"Diga o que diga Esperanza Aguirre, PSOE e PP din que non se pode variar esta cuestión porque afecta á solvencia da banca", referiu, tras recordar que o BNG sempre defendeu --presentou unha iniciativa no Congreso ao respecto-- que a dación do inmoble saldase a hipoteca (non prosperou esta proposta).
"Son un auténtico bipartito nesta cuestión, pero a nós impórtanos a solvencia das familias e as persoas, non de Botín, que desa xa se encarga el só", afirmou Vázquez, quen remachou, en referencia ao lema do PP: "Se os vedes centrados en vós, dádevos á fuga inmediatamente".
"TENO TODO"
"Verín teno todo: boa situación xeográfica, patrimonio cultural, creadores de moda, viño, unha xeografía atractiva... pero, ao final non temos nada porque nos últimos 30 anos este concello non avanzou absolutamente nada", expuxo a candidata nacionalista en Verín, Perfecta Losada.
Por iso, reclamou "darlle a volta" a esta situación, para o que "a única opción válida das que se presentan a estas eleccións é a BNG", remarcou. Invitou, neste sentido, a "comparar as listas", tras o que augurou "confiada" que a elección final "será BNG".