Pachi Vázquez defende a lexitimidade dos gobernos de coalición porque contan co apoio da "maioría"
MONFORTE DE LEMOS (LUGO), 11 (EUROPA PRESS)
O secretario xeral do PSdeG, Manuel 'Pachi' Vázquez, criticou que os dirixentes do PP pretendan actuar como "'reyezuelos' de África" a través dunha reforma da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg), que "non lles gusta" porque "non gañan".
Nun mitin en Monforte de Lemos (Lugo), xunto co candidato socialista, o deputado autonómico José Tomé Roca, o xefe de filas do PSdeG reprobou de igual forma que os populares prefiran impulsar unha modificación lexislativa en lugar de "democratizar" a súa posición.
"Non vale cambiar a lei só para que gobernen eles", abundou, ante medio millar de persoas, para remarcar que o PP liderará as administracións cando teña o respaldo da "maioría". "Mándolle unha mensaxe a Feijóo e a Rajoy: onde goberna unha alternativa ao PP é porque a maioría apoia esa decisión", sentenciou.
Na súa quenda de intervención, o cabeza de cartel do PSOE en Monforte abordou tamén esta cuestión para replicar aos populares que en Alemaña "levan 60 anos de gobernos de coalición". "E non lles vai tan mal", apostilou Tomé Roca, "para preguntarse que quere esta xente".
PIDE "UN POQUITO DE POR FAVOR" Ao BNG
En clave local, o líder socialista describiu a Tomé Roca como "o home que lle para os pés a Feijóo e que máis sabe de emprego de Galicia", dada a súa condición de voceiro en materia de emprego do Grupo Parlamentario Socialista, e augurou que alcanzará a alcaldía porque, malia o "seu prestixio" político, ten "a súa cabeza e o seu corazón" en Monforte.
"Nestes catro anos fixeches máis por Monforte que o alcalde", subliñou Vázquez, para advertir os asistentes ao mitin de que o 22 de maio deberán decidir non só ao seu rexedor senón "un modelo de vida".
"En Galicia, malia que Feijóo ía acabar coa crise en 45 días, o crecemento do paro multiplica por tres a media de España", recordou, para preguntar á candidata do PP neste municipio se copiará o modelo da Xunta para Monforte, como avanzou Rajoy para o Estado.
En canto ao BNG, que goberna con maioría absoluta, pediulle "un poquito de por favor". "Menos prepotencia e máis diálogo", reclamou, convencido de que fai falta "escoitar a todos" e non optar por "solucións totalitarias tremendamente mellorables".
"NON SE PODE VOLVER ATRÁS"
Pola súa banda, a parlamentaria lucense Concepción del Burgo defendeu o seu compañeiro de escano como "un home honesto e traballador" cuxa "preocupación é Monforte". Pediu o voto para el sinalando que tamén é "un voto por Besteiro", presidente da Deputación que non puido asistir ao acto por problemas de axenda.
"Todos somos conscientes de que non se pode volver atrás, a unha deputación rexida polo PP,", remarcou, para evocar "as políticas caciquiles" do expresidente provincial Francisco Cacharro Pardo. De feito, responsabilizouno directamente de que Lugo sexa unha das provincias "menos desenvolvidas", mentres que agora José Ramón Gómez Besteiro mesmo suple as carencias da Xunta malia que non forma parte das súas competencias.
"CAPITAL REAL" DA RIBEIRA SACRA
Tomé Roca clausurou o mitin cunha alegación a converter Monforte de Lemos "na capital real" da Ribeira Sacra, co fin de dinamizar a zona e crear emprego para que a localidade "volva crecer", algo que, segundo dixo, agora non acontece.
Atribuíuno a que o alcalde se dedicou a facer "beirarrúas" cos fondos do Plan E "en lugar de comprar terreos no polígono industrial" para empresas interesadas en asentarse no municipio. "Hai que recuperar a ilusión e crer no futuro", proclamou.
Entre os argumentos que esgrimiu para pedir o voto dos seus veciños defendeu que a coalición de PSdeG con BNG "fixo máis" que o alcalde nacionalista con maioría absoluta; e que Severino Rodríguez xa ostentou o bastón de mando durante oito anos que lle permitiron demostrar "que quería facer".
"Nós non imos tirar o feito por ninguén, sumando é como se mellora e hai moito por facer e moito onde inverter", garantiu, tras reivindicar que será "máis útil no goberno que na oposición".