PONTEVEDRA, 4 Ago. (EUROPA PRESS) -
Unha embarcación de recreo rexistrou un incendio na tarde deste luns á entrada do porto de Sanxenxo (Pontevedra), o que obrigou ao seu único ocupante a saltar á auga, quen foi rescatado por unha moto acuática.
Segundo informa o Concello de Sanxenxo, a embarcación, de cinco metros de longo, saía do porto após encher na gasolineira. O único ocupante, que resultou ileso, "saltou da embarcación en canto escoitou dúas pequenas explosións, e após elas comezou o incendio".
Nun primeiro momento interveu persoal de Nauta Sanxenxo e Real Club Náutico, Gardacostas, así como Emerxencias, Garda Civil e Policía Local.
O Concello de Sanxenxo asegura que "non hai risco de vertedura porque non se chegou a afundir". De todos os xeitos, despregáronse medidas de anticontaminación para absorber os produtos da extinción (espumógenos). A embarcación foi remolcada ao foso da auga do porto cun perímetro de seguridade.