A Asociación puntoGAL presenta as 93 primeiras direccións

Asegura que os participantes son "pioneiros" en conseguir que Galicia "teña un carné de identidade" no "medio revolucionario" de Internet

El presidente y directora xeral de la Asociación puntoGAL
Foto: EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 22 julio 2014 20:54
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Jul. (EUROPA PRESS) -

   A Asociación puntoGAL presentou este martes os seleccionados do seu Programa Pioneiros, nas que se atopan as 93 primeiras direccións que se activarán con dominio '.gal' a partir de 25 de xullo e que foron seleccionadas a partir de 134 solicitudes recibidas.

   Segundo informou a nova directora xeral da asociación, Edita de Lorenzo, no Museo do Pobo Galego, das 93 candidaturas seleccionadas, 35 son administracións públicas, 15 empresas e 43 entidades sen ánimo de lucro, mentres que o total das recibidas incluían 39 de administracións públicas, 32 de empresas e 63 asociacións.

   Algunhas destas 93 direccións seleccionadas pertencen a entidades como a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, A Mesa pola Normalización Lingüística, a Axencia Tributaria de Galicia, Cidade da Cultura de Galicia, partidos como o BNG, PPdeG e PSdeG; o Valedor do Pobo, Gadisa Retail S.L.U., ou as tres universidades galegas, entre outros.

   Con respecto á selección, De Lorenzo afirmou que "non sempre foi doado", pero que intentaron que fose o máis representativo posible da comunidade galega. Sobre todo, recalcou a dificultade da elección "en tan poucos días", posto que teñen a intención de que todo o mundo poida facer público o dominio a partir do 25 de xullo.

   Destas 93 direccións, aclarou o "caso especial" de seis delas, que son 'r.gal', 'cultur.gal', 'xunta.gal', 'crtvg.gal', 'ccoo.gal' e 'socialistas.gal'. Estes dominios, segundo informou, "non poderán saír tan rápido" como os demais.

LISTA DA ICANN

   O motivo é que estes dominios se atopan nunha lista da Corporación de Internet para a Asignación de Nomes e Números (Icann) composta por "códigos alfanuméricos raros" que necesitan salvagardas especiais para evitar confusións entre o Internet e as intranets. Polo tanto, entrarán en funcionamento cando a Icann determine o procedemento para activalos.

   A recentemente nomeada directora xeral desta entidade informou tamén das seguintes fases do lanzamento deste proxecto. A seguinte fase dará comezo o 15 de setembro, na que se fará unha "petición de dominios de todo o mundo que o queira pedir coa reserva de nomes para as entidades declaradas como marca".

   Esta fase durará dous meses, polo que De Lorenzo augurou que espera que na primeiros de decembro poidan darlle "a apertura total para que calquera poida pedir un dominio de forma aberta" así como "sen ningún tipo de restrición".

   Nesta liña, o presidente da Asociación puntoGAL, Manuel González González, apuntou que os participantes deste programa son "pioneiros de algo tan importante como que neste medio revolucionario que condiciona as nosas vidas, Galicia teña un carné de identidade".

"ESFORZO ECONÓMICO"

   "Son pioneiros comprometidos voluntariamente, leais a Galicia e que en moitos casos tiveron que facer un grande esforzo económico", asegurou González, ao que engadiu que dende a asociación esperan "que se vexa pronto recompensado dalgún xeito".

   Así mesmo, declarou estar "satisfeito coa grande acollida deste programa", e agradeceu tanto aos seleccionados pola asociación coma aos solicitantes aos que non se lle puido conceder o dominio por existir un número limitado de concesións.

   Por outro lado, Manuel González explicou que "nestes últimos tempos", a Asociación puntoGAL visitara partidos políticos, organizacións e asociacións que dende a súa perspectiva "deberían ocupar un lugar destacado" nesta primeira fase de lanzamento do dominio".

   "En todas as partes tivemos unha acollida extraordinariamente positiva", manifestou o presidente da entidade. Ademais, recalcou a declaración por unanimidade de apoio ao '.gal' realizada polo Parlamento de Galicia, algo que segundo asegurou, se debe a que todas as forzas políticas "son conscientes do significado e a transcendencia que este paso ten" para a sociedade e lingua galega.

Contenido patrocinado