Avances en 'Abrir Ferrol ao mar': o Concello saca a concurso a segunda fase para iniciar as obras en 2026

A xunta de goberno aproba incorporar ao patrimonio municipal uns 2.800 metros cadrados de terreo en Ferrol Vello

CONCELLO DE FERROL
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 13 mayo 2025 14:33

   FERROL, 13 May. (EUROPA PRESS) -

   A xunta de goberno local de Ferrol deste martes aprobou a contratación das obras da segunda fase do proxecto 'Abrir Ferrol ao mar', que contempla a derriba da muralla do Arsenal Militar.

   Estas obras, financiadas pola Axencia Galega de Infraestruturas con fondos europeos, suporán un investimento de 5,5 millóns de euros, "para converter 1,5 quilómetros e 30.000 metros cadrados da fronte marítima nunha zona máis atractiva para a cidade", detallou o alcalde, José Manuel Rey Varela, que dixo que confía en que estes procesos administrativos estean culminados na primeira metade de 2026 para iniciar as actuacións.

   Nunha rolda de prensa, o rexedor anunciou a adquisición do emblemático edificio coñecido como Jabones Pucho, situado no barrio de Ferrol Vello, na Avenida de Breogán.

   Esta compra, realizada no marco dun convenio coa Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, permite "incorporar ao patrimonio público 2.800 metros cadrados no corazón de Ferrol Vello, conectando co barrio da Magdalena". A adquisición inclúe tres parcelas e dous edificios (números 15, 26 e 28 da avenida de Breogán), cun investimento de 589.000 euros.

   O alcalde debullou os obxectivos principais desta compra: "a construción dun pavillón polideportivo para o IES de Ferrol Vello", o seu uso deportivo xeneral, a mellora do acceso ao centro educativo e a creación de zonas verdes, ademais de destinar unha parte do terreo "para aparcadoiros públicos gratuítos, en liña cos plans de mobilidade do Concello". De feito, aínda dispón de 850.000 euros para as edificacións previstas nestes terreos.

CONVENIO CON DEPUTACIÓN DA CORUÑA

   Outro acordo relevante da xunta de goberno foi a aprobación dun convenio de cooperación coa Deputación da Coruña para o Plan da Rede Turística en Destino, financiado con fondos europeos.

   Este convenio, cun importe de 993.000 euros, contempla cinco actuacións: a recuperación da praza Ferrandiz, no barrio de Esteiro (606.000 euros), a implantación de ferramentas dixitais para coñecer o patrimonio do centro histórico e as defensas militares da costa (185.000 euros), a recuperación do baluarte de San Juan (125.000 euros), o desenvolvemento dunha páxina web (47.000 euros) e a elaboración dun mapa virtual de recursos patrimoniais en Ferrol (32.000 euros).

   No ámbito cultural, aprobouse a contratación de nova subministración para o Teatro Jofre, grazas a unha subvención de 40.000 euros da Axencia Galega de Industrias Culturais. Adquirirase unha mesa de son, dúas unidades 'switch' e un proxector de vídeo, cun investimento total de 50.221 euros, para mellorar os equipamentos existentes.

   Finalmente, a xunta de goberno aprobou tres convenios de colaboración no ámbito educativo e lingüístico: coa Universidade de Maiores (11.000 euros) para contribuír ao seu crecemento, o 'Corelingua' (2.100 euros) para financiar actividades como a carreira do 27 de maio, e coa Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística (7.500 euros).

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado