SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Abr. (EUROPA PRESS) -
A viceportavoz do BNG no Parlamento de Galicia, Olalla Rodil, asegurou que a praza de emprego público de Costas en Lugo "está ocupada desde 2025" e acusou á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, de "mentir" tras asegurar que estaba vacante.
"Esa praza está ocupada desde maio de 2025 en concurso específico, é dicir, un funcionario da Xunta posto a dedo. Esa mesma persona segue actualmente ocupando esa praza en comisión de servizos", afirmou Rodil nunha rolda de prensa celebrada este luns.
Así, Rodil lembrou as palabras que a conselleira dixo hai uns días en Pontevedra cando negou a vinculación da praza en Costas coa moción de censura e asegurou que "no momento no que unha xefatura de servizo queda libre, no minuto cero, vólvese a convocar esa praza porque, se non, o servizo queda estancado".
A continuación, Rodil apuntou que a persona que ocupa dita praza "nunca dimitiu e nunca foi cesado" polo que instou á Xunta a responder "por que mentiu" a conselleira de Medio Ambiente.
Para o BNG "é evidente" que dita praza, para a que este luns termina o prazo de admisión de solicitudes, era "o pago pola firma da tránsfuga" para que o PP puidese rexistrar a moción de censura en Lugo. "Unha cacicada, non ten outro nome", subliñou Rodil.
Con todo, aínda que a edil exsocialista do Concello de Lugo María Reigosa asegurase que non se presentará á praza de emprego público, Rodil remarcou que, persoalmente, "non sabe o que vai facer, pero a súa palabra non vale nada".
Por todo iso, o BNG rexistrou diferentes iniciativas parlamentarias para esixir explicacións sobre esta cuestión e que "se depuren todas as responsabilidades".
Neste sentido, Rodil incidiu en que nun sistema democrático "non se poden admitir nin permitir o uso de recursos públicos para cambiar gobernos, manipular a vontade da cidadanía expresada nas urnas e saciar as ansias de poder do PP".
"CLAMOR SOCIAL"
Olalla Rodil tamén fixo referencia a concentración que tivo lugar o pasado venres ante a casa consistorial de Lugo e afirmou que os veciños "deixaron claro" o rexeitamento á moción.
"É un clamor social, a indignidade absoluta e a indencencia desta moción", asegurou, á vez que remarcou que "en moi poucas ocasións" concentrouse "tanta xente" diante do Concello.
Así as cousas, o BNG enxalzou que a cidade de Lugo "avanzou moito" nos últimos anos, cun proxecto político que "puxo ás persoas no centro".
"Iso é o que quere cargarse o PP promovendo esta moción de censura. Quere paralizar unha cidade que avanza", sentenciou Olalla Rodil.