BNG viu a un PPdeG "subordinado" a Madrid no debate da autonomía e aféalle negar a Galicia "o status de nación"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
BNG
Europa Press Galicia
Publicado: sábado, 26 abril 2025 14:25

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Abr. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitou este sábado para facer un balance do Debate sobre o Estado da Autonomía celebrado esta semana na Cámara galega, un debate no que, segundo indicou, os nacionalistas puideron comprobar a concepción "absolutamente subordinada" do Partido Popular respecto de Galicia.

   "Un debate onde tivemos que escoitar por boca do Partido Popular negar a existencia da nación galega, coa desvergoña política de quen quere facer de Galicia algo pequeno e irrelevante", sinalou a líder nacionalista durante o acto de presentación da proposta do BNG para dar a Galicia "a chave do seu diñeiro" a través dun concerto económico.

   Durante o acto, que se celebrou na mañá deste sábado en Santiago, Pontón esgrimiu que, para o PP, "Galicia non é unha nación porque leva 16 anos gobernando desde a submisión e o centralismo máis cutre, por iso Galicia non é máis nada que unha sucursal do centralismo madrileño".

   Neste sentido, asegurou que o PP é "incapaz" de pensar "en grande" respecto de Galicia porque "a está vendendo a prezo de saldo" e afeou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que "traballe para Altri, para a megaminería e para favorecer o espolio eólico".

   "O Partido Popular é incapaz de pensar Galicia en grande e por iso négalle o seu status de nación, algo do que xa falaban as Irmandandades da Fala ou Castelao, a quen hoxe, unha vez máis, reivindicamos como quen foi o arquitecto da Nación Galega e o primeiro presidente de Galicia", concluíu.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado