SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Mar. (EUROPA PRESS) -
Activa a procura dun mozo no río Miño após envorcar o kaiak no que viaxaba con outro, preto do encoro dos Peares. O segundo puido chegar a terra e pedir auxilio para o compañeiro que non se puido manter á frote.
Segundo trasladou o 112 Galicia, pasadas as 16.30 horas, un particular avisaba para indicar que un mozo lles comunicou que tivera un accidente cun kaiak, no que viaxaba co seu primo e ao que perdeu de vista após envorcar. O accidente tivo lugar preto do encoro dos Peares, na Carballeira, A Cova, no municipio lucense de Carballedo.
O 112 Galicia activou un operativo no que ademais de ser informados o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 participan os axentes da Garda Civil, os Bombeiros de Chantada, o GES de Ribadavia cunha embarcación e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Parada de Sil.
Tamén, púxose en coñecemento aos Bombeiros de Monforte e de Ourense e aos efectivos das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil do Saviñao e de Monforte de Lemos, que se dirixen ao momento cunha embarcación. Ademais, súmase á procura un dron e cámara térmica dos Bombeiros de Ourense.
Segundo a información recibida pola Garda Civil, os mozos saíron co kaiak do embarcadoiro dos Peares, subiron ao río e cando volvían tiveron o accidente.
Os Bombeiros de Chantada, comunicaron ao 112 as dificultades do terreo, "impracticable desde terra", cunha orografía moi pendente, polo que "só ven viable o uso de medios acuáticos e aéreos".