CC.OO. e CIG chaman a acudir á marcha pola estabilidade laboral en sanidade deste sábado, tamén convocada por UXT

CC.OO. esixe unha negociación "seria" para reforzar a sanidade e CIG critica o anuncio do plan de saúde mental, que ve electoralista

Europa Press Galicia
Publicado: viernes, 26 junio 2020 18:44

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Jun. (EUROPA PRESS) -

   CC.OO. instou á Xunta a establecer unha negociación "seria" na mesa sectorial para o "reforzo" da sanidade pública; mentres que CIG reprobou o anuncio "electoralista" dun plan sobre saúde mental. Ao tempo, ambas as formacións chamaron a participar na manifestación, tamén convocada por UXT, que terá lugar este sábado en Compostela e na que se reivindicará estabilidade laboral no Sergas.

   Nun comunicado, a Federación de Sanidade de CC.OO. instou á Xunta a "emprender unha negociación seria" no seo da mesa sectorial para abordar "o necesario reforzamento" da sanidade pública galega.

   O sindicato esixe melloras laborais para os profesionais, de forma que se lle garanta á poboación "unha asistencia sanitaria pública e de calidade".

   Até o momento, lembra que nin a Consellería nin o Sergas tiveron en consideración as propostas e solicitudes remitidas polo sindicato; e incide en que é preciso negociar un un acordo que acabe coa "precariedade" na contratación, eleve a estabilidade laboral e incremente os cadros de persoal acabando, ao tempo, coa "fragmentación" de contratos.

   Por iso, urxe eliminar a taxa de reposición e convocar "todas as vacantes xeradas" nos últimos anos, e chama a participar na manifestación convocada para este sábado, que partirá ás 12,00 horas da Alameda de Santiago.

PLAN DE SAÚDE MENTAL

   Pola súa banda, CIG-Saúde demandou da Consellería de Sanidade que traslade á mesa sectorial "toda a información sobre o plan galego de saúde mental post covid" anunciado polo presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

   Para CIG-Saúde, trátase de "un novo exemplo do uso perverso" que Feijóo fai da sanidade pública "pretendendo, ás portas das eleccións, mostrar a súa preocupación por unha área que ten totalmente abandonada desde a súa chegada á Presidencia do Goberno galego fai máis de dez anos".

   CIG tamén fixo un chamamento a participar na manifestación deste sábado.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado