Centenares de persoas impiden a celebración dun acto de Vox en Santiago: "Aquí non pasa Vox"

Buxadé culpa a Sánchez e á alcaldesa do ocorrido e advirte que denunciarán, nunha protesta que acaba cunha carga policial

Protesta contra acto de Vox no barrio de Santa Marta, en Santiago
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 21 septiembre 2026 21:09

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Sep. (EUROPA PRESS) -

   Varios centenares de persoas convocadas por unha vintena de colectivos antifascistas impediron un acto de Vox en Santiago no que tiña previsto participar o xefe da delegación de Vox na Unión Europea, Jorge Buxadé, o que provocou tensión ás portas do centro sociocultural Santa Marta, que permanece clausurado após encerrarse máis de 50 mozos a media tarde para impedir o acto.

   Entre cánticos de "aquí non pasa Vox", "aquí están os antifacistas" e "ningunha persona é ilegal", entre outros, centenares de persoas manifestáronse ás portas deste centro cultural compostelán para mostrar o seu rexeitamento á celebración deste acto, onde se despregou un dispositivo policial que separou sen incidentes aos manifestantes e aos simpatizantes de Vox.

   En declaracións aos medios, Buxadé culpou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de que se produzan este tipo de concentracións e á alcaldesa da capital galega, Goretti Sammartin (BNG), por "pechar" as instalacións, de titularidade municipal.

   "Esta é a España que quere Sánchez. A España da violencia, a España da confrontación, a España do enfrontamento", reprochou.

   Para Buxadé, os feitos supoñen a comisión de "diversos delitos, desde o delito de desordes públicas e delito de coaccións" ao considerar que impiden "o exercicio da liberdade dun partido político"

    Así mesmo, expuxo que reclamou ás forzas e corpos de seguridade do Estado e á Subdelegacion do Goberno na Coruña que desaloxase aos manifestantes para poder desenvolver o acto para o que, segundo afirmou, dispuñan de todos os permisos, e advertiu de que porán os feitos en coñecemento da xustiza

   "Isto é o fin da democracia en Galicia, o fin da democracia en España", aseverou Buxadé, antes de dirixirse cara ás portas do centro, onde cortaban o paso os manifestantes e onde permaneceu até as 20.30 horas, cando abandonou o lugar e os manifestantes comezaron a corear: "Gañamos nós" e "O pobo unido, xamais será vencido".

    Pouco despois, no momento de dispersarse a concentración, houbo un enfrontamento entre un grupo de manifestantes e os axentes que deu lugar a unha carga policial. Finalmente, os asistentes á convocatoria abandonaron as inmediacións do centro sociocultural Santa Marta pouco antes das 21.00 horas.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado