O centro de día de Sabarís, primeiro mancomunado de Galicia, atenderá Baiona, Nigrán e Gondomar

Mato asegura que a Xunta estenderá este modelo por outros centros co obxectivo de "repartir os esforzos en atención á dependencia"

Beatriz Mato
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 21 marzo 2012 5:00

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Mar. (EUROPA PRESS) -

O centro de día de Sabarís será o primeiro de Galicia que prestará un servizo mancomunado nos municipios de Baiona, Nigrán e Gondomar, na provincia de Pontevedra.

Así o anunciou este martes a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que asinou en Baiona un convenio de colaboración coa Mancomunidade do Valmiñor, na que se integran os tres municipios, para a xestión das instalacións do centro.

Deste modo, o centro de Sabarís será a primeira infraestrutura pública deste tipo e ofrecerá un total de 40 prazas cun servizo, segundo asegurou Mato, "de gran calidade e orientado a preservar a autonomía persoal durante o máximo tempo posible".

Nun comunicado, a consellería explica que o obxectivo deste novo modelo é lograr "unha repartición xusta, equitativa e solidaria dos esforzos na atención á dependencia", xa que nestes momentos "é importante a colaboración" entre administracións".

ESTENDER O MODELO

Neste sentido, a titular de Traballo e Benestar asegurou que o Goberno galego está a traballar na colaboración directa cos concellos, co obxectivo de estender este sistema por outras localidades.

A Xunta destinou a construción e equipamento deste centro, que abrirá en abril, máis de 450.000 euros e o seu mantemento anual terá un custo de 440.000 euros. Na actualidade, a Administración autonómica asegura que traballa "nos últimos detalles" para poñer en marcha o servizo, que se atopa en proceso de tramitación de altas.

Contenido patrocinado