SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Feb. (EUROPA PRESS) -
O goberno local do PP de Gerardo Conde Roa xa contratara unha auditoría sobre a situación financeira do Concello a PricewaterhouseCoopers (PwC) en xaneiro de 2012, no que se incluía unha petición de análise da adxudicataria do abastecemento da auga, pero a empresa só entregou a metade do traballo e non se lle "pagou nada".
O proceso de adxudicación desta auditoría externa comezou en outubro de 2011, pero asinouse en xaneiro cun custo de 102.424 euros (IVE incluído) -por debaixo do prezo que saíu a licitación-- e un prazo de execución de 14 meses.
Non obstante, segundo as fontes municipais consultadas por Europa Press, dese informe só se chegou a entregar unha parte, na que non se incluía, precisamente, a análise relativa ás empresas concesionarias, entre elas Aquagest, que agora está no punto de mira pola investigación da xuíza Pilar de Lara denominada 'Operación Pokémon''.
Concretamente, non se lle abonou ningunha das facturas correspondentes á auditoría financeira que, á súa vez, se divide en dúas partes, a vinculada ao Concello --presentada publicamente en rolda de prensa pola concelleira María Pardo en xaneiro de 2013--, e a que ten que ver cos entes concesionarios de servizos municipais, que foi a que nunca chegou.
Do que si se efectuou o pagamento, indicaron estas mesmas fontes a Europa Press, foi da parte do informe de modernización de procesos e procedementos, tamén encargada a esa empresa.
TAMPOUCO SE RECLAMOU
En canto a por que non se concluíu o proceso e por que non se lle reclamou esta auditoría á empresa, sinalaron que este tipo de incumprimentos é algo que acontece en moitas ocasións e reivindicaron que, de aí, que "non se pagase".
A parte do informe encargado polo goberno local que non foi elaborada é, precisamente, a referida ás empresas concesionarias e servizos que se prestan a través de xestión indirecta, segundo consta na documentación da contratación.
Trátase, pois, do abastecemento de auga potable e saneamento, de Aquagest; da ORA e a grúa, de Setex Aparki; da xestión do mercado de gando, de Monfobus; da explotación do tanatorio municipal, que leva Tanatorio San Lázaro; a xestión do mercado de abastos, Mercado de Abastos de Santiago; e a licitación para captar capital privado e poder crear unha sociedade mixta deportiva, Xade.
DOUS ANOS DESPOIS
A auditoría sobre estas empresas concesionarias realizouse "atendendo ao informe da intervención" do Concello, posto que, entón, ocupaba a interventora que, a penas uns meses despois, foi apartada polo goberno municipal popular, como tamén o foi o secretario Javier Castiñeira, comparecido na Operación Pokémon.
Dous anos despois de que Conde Roa (que dimitiu como alcalde pola súa implicación nun delito de fraude fiscal e que tamén está imputado na Operación Pokémon) sacase a concurso esta audidoría, o equipo do seu sucesor, Ángel Currás, volve encargar un informe sobre Aquagest para descubrir se cobrou facturas de servizos non prestados.
As concelleiras María Pardo e Cecilia Sierra explicaron en días pasados que o encargo deste traballo ten o fin de aclarar "o intento de cobramento de facturas por 400.000 euros pola empresa concesionaria do servizo de augas por servizos non prestados, relacionadas co gasto de electricidade de catro depuradoras que non estaban en funcionamento".