O Consello Económico e Social chama a que a lei galega do xogo atalle "con mais compromiso" a ludopatía

Publicado: lunes, 19 julio 2021 17:00

   O ditame do CES, que ve "carencias importantes", foi aprobado por maioría e conta cun voto particular da patronal galega

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O ditame do Consello Económico e Social (CES) sobre o anteproxecto de Lei reguladora dos xogos de Galicia fai un chamamento a que a administración aborde con "máis profundidade" a saúde e a seguridade das persoas consumidoras e usuarias nun momento no que a ludopatía está a crecer.

   O posicionamento foi aprobado no último pleno do CES e considera que o texto debería incluír unha "alusión máis contundente á problemática xerada nos últimos anos pola práctica incontrolada do xogo" para que se aborde "con máis compromiso".

   O CES explica que existían dúas posicións diferenciadas sobre o anteproxecto entre os membros, cuestión que impediu que este ditame fose aprobado por unanimidade. Así, por unha banda, sitúanse os que entendían que o texto só atende á promoción do xogo sen ter en conta os problemas que xera a súa práctica incontrolada.

   Por outra, están aqueles que entenden o xogo como unha actividade económica con impacto nas empresas e na economía galega, que sosteñen que, a pesar de estar de acordo con que a norma teña un enfoque preventivo, non están de acordo cos requisitos que se impoñen para as empresas que xa están a operar agora mesmo no sector (no réxime de autorizacións, entrada de operadores estatais a través de máquinas nos establecementos de terceiros).

   O informe do CES considera insuficientes as medidas establecidas no ámbito da prevención e bota en falta específicas mencións a actuacións asistenciais das ludopatías. Tamén apunta que o anteproxecto non é ambicioso no tocante á actividade de publicidade e promoción do xogo e sinala que esta actividade debería estar completamente prohibida en recintos deportivos e feirais.

"PRACTICAMENTE NON REGULA O XOGO EN LIÑA"

   O CES sostén que este anteproxecto non está consonte coa realidade actual do xogo e que nace con "importantes carencias" xa que, no seu conxunto, establece unha regulación do xogo baseada case na súa totalidade en modalidades tradicionais e practicamente non regula a figura do xogo en liña, á que maioritariamente accede a poboación.

   Outros aspectos que destaca o pronunciamiento do CES son, por exemplo, no tocante ás actividades de publicidade e promoción do xogo, así como na tipoloxía de espazos e recintos nos que estas poden desenvolverse. Niso, "o texto peca de escasa ambición e valentía", sinala.

   Así, por unha banda, non comparte a exclusión dos medios de comunicación privados en xeral e da prensa escrita en particular como vehículo de difusión e/ou promoción das actividades de xogo. Por outra, considera que a actividade do xogo debería estar completamente prohibida en recintos deportivos e feirais e, consecuentemente, tamén calquera tipo de publicidade e promoción que neles se desenvolva.

   O CES tampouco comparte o feito de que a norma non prevexa a desaparición das máquinas comecartos e de apostas deportivas nos establecementos de hostalaría e restauración "se non xa con carácter inmediato, polo menos após a expiración do período transitorio previsto no texto".

   O ditame, solicitado polo trámite de urxencia, foi aprobado por maioría dos membros do CES e conta cun voto particular emitido pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), que discrepa dalgunhas das súas consideracións.