Isabel Infantes - Europa Press
A CORUÑA 28 Oct. (EUROPA PRESS) -
O Quiosco Alfonso da Coruña acolle desde este xoves e até o 18 de decembro a exposición 'Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade', na que se fai un percorrido pola figura da escritora no centenario do seu falecemento.
A mostra chega á cidade herculina após a súa exhibición na Biblioteca Nacional. Coorganizada por Acción Cultural Española, a Xunta de Galicia e a Comunidade de Madrid, en colaboración co Concello da Coruña e a Real Academia Galega (RAG), inclúe pezas como libros, manuscritos, fotografías, óleos ou debuxos.
Tamén aborda outras facetas de Pardo Bazán máis aló da de escritora (xornalista, crítica literaria, política, empresaria ou dramaturga).
A comisaria da mostra, a catedrática da Universidade de Valencia, Isabel Burdiel, articulou o discurso expositivo ao redor de máis de 200 pezas, das que 70 proceden da Real Academia Galega.
Á inauguración, asistiron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; a alcaldesa da Coruña Inés Rey; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, e a subdelegada do Goberno, María Rivas. Tamén o fixeron, entre outros, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a directora da Biblioteca Nacional, Ana Santos Aramburo.
No acto, o presidente da Xunta reivindicou a Pardo Bazán como "galega, feminista, liberal, europeísta e activista cultural e que, por encima de todo, foi pioneira". Así mesmo, lembrou que a mostra forma parte das 40 actividades programadas para conmemorar o centenario da morte da escritora.
Pola súa banda, a rexedora herculina destacou a contribución da escritora á "Coruña vangardista". Dela, dixo tamén que foi "unha figura clave da literatura española e da cidade da Coruña, que debe ser recoñecida e coñecida de xeración en xeración".