SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Ago. (EUROPA PRESS) -
As máscaras, as medidas de prevención sanitaria e unha tribuna de invitados sen xente marcaron a constitución da XI Lexislatura no hemiciclo galego, que volverá estar presidido polo popular Miguel Santalices, nunha sesión atípica pola separación das súas señorías por biombos e que transcorreu sen incidentes.
A ratificación de Santalices produciuse ao fío das 11, hora na que estaba previsto o inicio da sesión que, por idade, estivo presidida momentaneamente polo deputado do BNG Xosé Luís 'Mini' Rivas, asistido por dous compañeiros de bancada --Daniel Castro, que portou chaqueta e camiseta de Alcoa, e Paulo Ríos--. Precisamente, no exterior do Pazo do Hórreo, mantívose unha protesta de traballadores da multinacional metalúrxica.
Após recibir os 42 votos do seu grupo --incluído o seu--, Santalices agradeceu coa man no corazón ser reelixido presidente da Cámara, o que lle valeu o aplauso dos seus compañeiros de grupo tanto na reunión previa como no hemiciclo. Na mesa presidencial, podíanse ver botes de xel hidroalcohólico para desinfección no marco dunha votación dos postos da mesa que foi, como rexe o regulamento, con voto en urna e reconto manual.
Así, xunto a Santalices, seguirá como vicepresidente Diego Calvo e asume a secretaría Corina Porro, que releva neste posto á lucense Raquel Arias. Precisamente, a ambas, que manteñen unha boa relación que se remonta a dúas décadas, púidoselles ver xuntas preto do despacho que agora se traspasan.
Ademais, a deputada do BNG Montse Prado situouse, cos votos dos nacionalistas e socialistas --que se apoiaron mutuamente para repartirse os postos da Mesa--, na vicepresidencia segunda da Cámara. A parlamentaria do PSOE Marina Ortega será a vicesecretaria.
Após saír elixidos, os membros da Mesa tomaron posesión dos seus postos, previa desinfección por parte do persoal de limpeza da Cámara, que estivo reforzando esta labora durante toda a pandemia, e especialmente, nas sesións da Deputación Permanente celebradas desde a disolución do hemiciclo no mes de febreiro.
Así, a sesión continuou coa prestación de promesa ou xuramento por parte dos deputados da Cámara, a comezar polos membros da Mesa. Todos os populares con posto no órgano reitor xuraron os seus escanos --aínda que Santalices primeiro prometeu e logo corrixiuse--, mentres que Prado e Ortega prometéronos, cun exemplar do 'Galiza Sempre' e un caravel, no caso do BNG, e unha rosa, no caso do PSOE.
Concretamente, a fórmula escollida polo BNG, a mesma que na lexislatura pasada, para prometer o cargo foi: "Comprométome a ser fiel a Galicia, a defender os dereitos sociais e nacionais dos galegos e as galegas e a súa liberdade e, por imperativo legal, prometo".
Unha vez chamados todos os deputados, Santalices declarou constituído o Parlamento de Galicia na XI Lexislatura e o pleno gardou un minuto de silencio en memoria das vítimas da covid-19 e de "todas as persoas falecidas por diferentes causas neste tempo sen poder ser despedidas polos seus seres queridos".
O xesto pretendía tamén ser unha mostra de "proximidade e solidariedade" cos afectados pola enfermidade e de "agradecemento" aos profesionais sanitarios.
O Himno de Galicia clausurou unha primeira sesión parlamentaria na que, dos 75 deputados, asistiron 74, posto que a ourensá María Albert (BNG) atópase hospitalizada para dar a luz. Non será o único bebé que naza coa XI Lexislatura, xa que a lucense Sandra Vázquez (PP) tamén está embarazada e respondía así á pregunta de para cando nacería o neno: "Xa saín de contas".
Curiosamente, as dúas deputadas proceden das provincias con maior despoboamento de Galicia, un reto, o demográfico, que ten pendente esta lexislatura plasmarse nunha lei que iniciou o seu camiño a finais do mandato de Feijóo que agora termina.
CÍRCULOS POLÍTICOS
A pesar da distancia marcada no hemiciclo, foron inevitables os círculos políticos ao termo da sesión, como o que protagonizaron o presidente da Xunta en funcións e deputado popular, Alberto Núñez Feijóo, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que en ningún momento abandonou a rosa vermella coa que prometeu o seu escano.
"Gonzaliño!", exclamou, tamén nos corredores da Cámara, a agora secretaria da Mesa, Corina Porro, que no seu regreso ao Pazo do Hórreo foi felicitada tamén polo propio Caballero após o efusivo saúdo. "Alégrome por ti", díxolle o deputado vigués a quen foi tamén alcaldesa da cidade olívica.
Na súa conversación informal con Feijóo, o dirixente socialista puxo encima da mesa as dificultades da máscara nas sesións plenarias. Mentres, o dirixente popular, que tamén tivo ocasión neses momentos para saudar ao exparlamentario Manel Gallego --cuxa filla é agora deputada---, destacou que a sesión saíra "ben", aínda que fixo xestos de tomar nota do devandito.
MÁIS DE 80 INVITADOS EN DISTINTAS SALAS
Aínda que a imaxe da tribuna é a dunha bancada atípicamente baleira, en distintas salas da cámara, fundamentalmente familiares dos deputados, ao redor de 80 invitados --lonxe dos 200 que acudiron en 2016-- arrouparon desde a 'distancia social' aos deputados, que prometeron ou xuraron os seus cargos nesta sesión.
Poucas caras reconocibles entre os rostros con máscaras. Ademais do mencionado exparlamentario socialista, que acudiu como pai da deputada Leticia Gallego Sanromán, tamén estiveron o senador popular José Manuel Barreiro e dirixentes nacionalistas como Goretti Sanmartín que arrouparon a Ana Pontón, agora líder da principal forza da oposición que, como tal, sentou no lugar do hemiciclo que ocupou o PSOE nas últimas dúas décadas.
NOVO GOBERNO
A partir de agora, ábrese un prazo de cinco días para a constitución dos grupos parlamentarios e de dez para a das comisións.
En 15 días será a sesión solemne de apertura da lexislatura, que dará paso, a finais de agosto --previsiblemente-- ou principios de setembro á sesión de investidura que colocará a Feijóo de novo, por cuarto mandato consecutivo, á fronte da Xunta.
Notificada a investidura ao Rei Felipe VI polo presidente da Cámara, tomará posesión do seu cargo e nomeará ao Executivo que lle acompañará no Consello da Xunta.