FERROL, 23 Feb. (EUROPA PRESS) -
O mozo de 19 anos que permanecía ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), após o incendio rexistrado na madrugada do pasado xoves, 19 de febreiro, no barrio de Recimil, en Ferrol, faleceu segundo confirmaron este luns desde o centro hospitalario, por mor dunha severa intoxicación por inhalación de fume.
A pesar dos esforzos do equipo médico, a gravidade das lesións respiratorias derivadas do incendio provocaron o falecemento do home, cuxa evolución era crítica desde o seu ingreso.
O último parte médico facilitado polo centro hospitalario este luns detalla a situación clínica do resto dos afectados polo lume.
Así, a muller de 24 anos permanece ingresada na Unidade de Queimados cun prognóstico grave. Presenta queimaduras de segundo grao que afectan ao 5% da súa superficie corporal, localizadas principalmente en mans e pés, ademais dun cadro de intoxicación por inhalación de fume.
Mentres, o menor de 3 anos continúa baixo vixilancia estreita na UCI pediátrica.
O seu estado actual mantense baixo prognóstico reservado, mentres que o bombeiro ferido, ao que foi necesario amputar unha das súas extremidades inferiores, presenta a evolución máis positiva.
Atópase actualmente ingresado en planta e evoluciona favorablemente das súas lesións.