. Fernández Currás cre que o Plan de estatística 2012-2016 "permitirá avanzar na consolidación" do sistema galego
Actualizado 26/11/2010 16:07

Fernández Currás cre que o Plan de estatística 2012-2016 "permitirá avanzar na consolidación" do sistema galego

FOTOS XUNTA. REUNION ESTADISTICA. FOTOS CONCHI PAZ
EP/XUNTA

O Consello Galego de Estadística debate o programa para 2011 e presenta as principais liñas do próximo período

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Nov. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Facenda, Marta Fernández Curras, considerou que o novo plan de estatística, que abranguerá o período 2012-2016, supón "unha oportunidade", ao tempo que destacou que servirá como un instrumento para "avanzar na consolidación" do sistema galego.

Durante a reunión do Consello Galego de Estadística que presidiu este venres, debateuse o programa para 2011 --o último do plan do período 2007-2011-- e presentáronse as principais liñas do próximo.

Na súa intervención, a conselleira explicou que deberá recoller, xunto coas metas, as estatísticas máis consolidadas para establecer así "un escenario inicial e un bloque estable" de información.

Neste sentido, sinalou que se introducirá o 'inventario de actividades estatísticas' como instrumento complementario dos xa existentes e "nel figurará a información máis técnica de cada actividade, a súa evolución nos distintos programas e as súas relacións cos plans anteriores".

USO MÁIS EFICIENTE DOS RECURSOS

A titular do departamento autonómico referiuse tamén a "algunhas fortalezas e debilidades" do plan anterior, para ter en conta na elaboración do novo.

Así, indicou a regulación dos proxectos técnicos e a flexibilidade na programación para adecuar o sistema á situación económica actual. "Puídose avanzar na organización e na planificación usando máis eficientemente os recursos dos departamentos", advertiu.

A recente constitución dos órganos estatísticos das distintas consellerías "contribuirá neste proceso de mellora", sinalou, ao resaltar que "evitará duplicidades, favorecerá sinerxías e aproveitará os recursos dos departamentos dunha forma máis eficiente".

"Nun escenario de menos ingresos faise se cabe máis necesario dispoñer de información estatística de calidade para que as decisións que se adopten resulten acertadas", concluíu.

PROGRAMA PARA 2011

Pola súa banda, o programa estatístico para 2011 incorpora 152 operacións e actividades estatísticas e ten entre os seus obxectivos contribuír á creación dun verdadeiro sistema público en España.

Haberá tres operacións novas encadradas na área de estudios e síntese: 'Conta de distribución da renda municipal', 'Matriz de contabilidade social' e 'Indicadores do sector servizos', informou Facenda.