Formoso non ten "ningunha esperanza" en Rueda á fronte da Xunta e augura que o PSdeG gobernará en 2024

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en rolda de prensa en Lugo.
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 3 mayo 2022 13:28

   LUGO, 3 May. (EUROPA PRESS) -

   O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou que "non" ten "ningunha esperanza" na acción de goberno que emprenda Alfonso Rueda cando se converta no novo presidente da Xunta de Galicia, á vez que augura que o PSdeG gobernará Galicia en 2024.

   "En principio non deberiamos ter demasiada esperanza no cambio de modelo por parte da Xunta de Galicia, tendo en conta que Alfonso Rueda é un vello coñecido e formou parte do goberno de Feijoo, dos seus erros e dalgún acerto", asegurou en declaracións en Lugo.

   "Son corresponsables (Feijóo e Rueda) das cifras que nos atoparemos cando cheguemos ao goberno en 2024: unha Galicia moito máis endebedada que en 2009, con moitos máis parados dos que existían cando nos fomos da Xunta, con moita menos xente da que existía en Galicia cando deixamos tamén a Xunta. Déixannos cifras moito peores", afirmou.

   O tamén presidente da Deputación da Coruña sostén que quería "ser prudente, darlle unha marxe e a esperanza de cambiar de modelo e de tomar decisións apropiadas, nun momento en que a sucesión protagoniza a preocupación do Goberno galego e onde os fastos desa sucesión continúan con esa xira galega para darse a coñecer, no peor momento da economía galega nos últimos 30 anos". "A Xunta de Galicia non publica ningunha medida que poida favorecer aqueles sectores críticos, como gandeiros, agricultores, pescadores ou transportistas", queixouse.

CRÍTICAS DE TOMÉ

   Na mesma liña argumental pronunciouse o secretario xeral dos socialistas de Lugo e presidente da Deputación, José Tomé, que protestou porque "Lugo foi das grandes esquecidas de Feijóo".

   A xuízo de Tomé, o expresidente da Xunta "tiña entre cella e cella a alcaldía de Lugo, a Deputación de Lugo, e como non o conseguiu o que fixo foi castigar en todas aquelas actuacións que dependían da Xunta e que son evidentes: desde a Rolda Este de Lugo, a vía de alta capacidade da Mariña ou o porto seco de Monforte", di.

   "Son cuestións que levan máis dunha década e ao PP nunca lle interesou. Mesmo agora, coma se fose xogando cos lucenses, no canto de empezar a ampliación do corredor Lugo-Sarria-Monforte por Nadela, que é o lóxico, vai e empeza polo medio", lamentou a modo de conclusión.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado