SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Abr. (EUROPA PRESS) -
O foro de expertos GEM Galicia elaborou un documento no que formula 50 propostas para favorecer a actividade emprendedora consensuadas por 44 expertos procedentes do ámbito da empresa, a universidade e a administración.
Nun comunicado, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) explicou que no Equipo GEM están presentes o BIC Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a propia CEG, os que articularon o documento en varias categorías, o ámbito financeiro políticas e programas gobernamentais ou educación e formación.
Así mesmo, cun enfoque "máis específico" apuntan tamén medidas relativas ao desenvolvemento empresarial no ámbito rural ou para facilitar a implantación na comunidade de empresas de base tecnolóxica.
En concreto, o maior número de propostas recollidas no informe son as relativas ao apoio financeiro, con 18 propostas en total. Entre elas, úrxese ás administracións a reducir a 45 días o prazo efectivo de pagamento a provedores", especialmente cando se trata de pequenas e medianas empresas (pemes).
REVISAR CRITERIOS
O texto tamén sinala que "é necesario revisar" os criterios de valoración nos proxectos relacionados con novas tecnoloxías e intanxibles, polo "descoñecemento que se constata entre os avaliadores que deben valoralos".
Precisamente, a xeito de exemplo, o documento detalla que "un modelo de negocio como Facebook dificilmente tivese cabida" nas liñas de financiamento existente en Galicia".
Ademais, o Foro de Expertos GEM 2011 propón incentivar a creación de empresas no interior de Galicia co fin de axudar a "fixar a poboación e acompañar o peche de empresas para evitar as consecuencias negativas dun proceso apresurado ou mal executado".
Entre outras propostas, o informe pide "promover e potenciar" a canteira de empresarios a través de accións de sensibilización e motivación, e, mesmo, estender a orientación cara ao conxunto dos empresarios.