A futura Estratexia Galega de Saúde 2023-2030 incorporará o enfoque de xénero a todas as políticas sanitarias

Europa Press Galicia
Publicado: miércoles, 15 marzo 2023 19:11

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Mar. (EUROPA PRESS) -

   O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou este mércores na inauguración da xornada 'Saúde con perspectvia On-LIVE', que a futura Estratexia Galega de Saúde 2023-2030 incorporará o enfoque de xénero en todas as políticas sanitarias.

   O departamento autonómico, como detallou Comesaña durante a súa intervención inaugural, acaba de iniciar o proceso participativo da nova estratexia, "coa que se porá a saúde da muller no centro de todas as políticas sanitarias". "Esta estratexia incorporará o enfoque de xénero na súa planificación e programa asistenciais, así como nos ámbitos de investigación", remarcou.

   "O noso obxectivo non é ter un documento específico de saúde da muller, senón contar co documento máis integral e participado posible e que nel a saúde da muller impregne todas as políticas sanitarias", sinalou o conselleiro.

CRIBADOS POBOACIONAIS

   Doutra banda, o responsable sanitario da Xunta tamén repasou algunhas das actividades "pensadas para reforzar e mellorar a atención á saúde das mulleres". Así, no ámbito da prevención, destacou os cribados poboacionais, "unha liña na que o Goberno galego ten unha aposta clara" co aumento de máis do 70% da partida para cribados nos Orzamentos para 2023, até alcanzar os 2,6 millóns de euros.

   Puxo en valor tamén o programa de cancro de mama, con máis de 30 anos de historia, e co que se realizaron máis de tres millóns de exploracións. Grazas a este cribado, detallou Comesaña, descubríronse case 11.000 cancros, "dos que case o 70% estaban en estadios precoces e tendo un prognóstico moito máis favorable". En liña co recomendado pola Unión Europea, a Xunta ampliará nesta lexislatura o actual rango de 50 a 69 anos para estendelo tamén ás galegas de entre 45 a 74 anos.

   Tamén reivindicou o cribado de cancro de cérvix, iniciado na área de Lugo en 2021 e que xa se estendeu ás áreas de Pontevedra e Ferrol o ano pasado. "A previsión é que chegue ao resto de áreas este ano. Así, a nosa Comunidade adianta en seis anos o obxectivo fixado polo Ministerio de Sanidade, que apuntaba a 2029 como ano tope para acabar coa implantación", comentou.

   Sobre este cribado, apuntou que a comezos de marzo contaban xa con máis de 17.000 resultados de mulleres participantes, das que un 6% resultaron positivas ao virus do papiloma humano de alto risco". "O programa está a axudar a previr o avande deste cancro en moitas mulleres galegas, conseguindo que máis do 50% das mulleres de poboación obxectivo participen no programa", destacou.

UNIDADES DE CHAN PÉLVICO

   Por último, e xa no ámbito asistencial, sinalou como "gran punto forte" a atención ao chan pélvico. Desde 2017 o Sergas conta cun programa estruturado de atención ás disfuncións do chan pélvico en atención primaria no que, segundo os últimos datos dispoñibles, desde 2017 a 2021 as matronas atenderon a máis de 4.000 mulleres con disfunción de chan pélvico. Tamén neste ámbito lembrou que a Xunta constituíu no último ano unidades multidisciplinares de chan pélvico en cada área sanitaria e completou a creación de consultas específicas para a endometriosis, tamén en todas as áreas.

   A isto sumou a incorporación dos robots Dá Vinci no sete áreas galegas, que permitiron que os servizos de ginecología realizasen xa 300 intervencións con esta nova tecnoloxía. Actualmente utilízanse para operar endometriosis ou cancros de cérvix ou de ovario.

   O conselleiro de Sanidade concluíu a súa intervención mostrando a súa "satisfacción" polo desenvolvemento do primeiro Plan de Igualdade do Sergas, aprobado co consenso de todas as organizacións sindicais da Mesa Sectorial "e que ten medidas tan importantes como a sensibilización e formación en igualdade para os profesionais do Sergas". A xornada concluirá coa intervención da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.

Contenido patrocinado