SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Jun. (EUROPA PRESS) -
O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, reiterou este martes a súa aposta por "reverter a década de privatizacións e recortes" tras 11 anos de goberno do PPdeG se a coalición chega á Xunta tras as eleccións do 12 de xullo.
Así o manifestou Gómez-Reino, despois de reunirse coa plataforma Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (Modepen) en Boiro (A Coruña), xunto aos candidatos da coalición Eva Solla, Martiño Noriega e Luca Chao.
O colectivo de pensionistas reclama, segundo informa a formación, unha residencia e un centro de día públicos para esta localidade coruñesa. Así, o candidato de Galicia en Común-Anova Mareas dixo que "recolle" as súas reivindicacións: "Compartímolas e facémolas nosas".
"O que é fundamental é que o próximo goberno da Xunta, no que estará Galicia en Común, reverterá o dez anos de privatizacións da asistencia aos nosos maiores dos gobernos do Partido Popular de Núñez Feijóo", engadiu.
"Ese é o noso compromiso e a partir do 13 de xullo Galicia en Común-Anova Mareas estará no Goberno para facelo realidade", insistiu o candidato.