'Galiverso' abre as portas ao patrimonio cultural e artístico a través da realidade virtual en Cidade da Cultura

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a encargada do proxecto, Fátima García, durante  a presentación de 'Galiverso'
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Publicado: jueves, 20 octubre 2022 18:35

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Oct. (EUROPA PRESS) -

   A Cidade da Cultura acolleu a presentación do espazo 'O Galiverso empeza aquí', unha iniciativa tecnolóxica, cultural e educativa impulsada pola Xunta de Galicia que busca "pór en valor o patrimonio material e inmaterial galego a través do emprego de tecnoloxías inmersivas".

   O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou este xoves na presentación de novo espazo no Museo Centro Gaiás ao que se pode acceder desde este venres e de forma indefinida. Rodríguez sinalou a importancia "de aproveitaras novas tecnoloxías tendo en conta o seu valor didáctico e educativo".

   'Galiverso' recrea un total de doce monumentos, espazos naturais e lugares de interese turístico, como a cripta do Apóstolo en Santiago, a Ribeira Sacra desde un globo aerostático ou a lanterna da Torre de Hércules. A experiencia, que poden realizar tres acodes ao mesmo tempo, ten unha duración media de vinte minutos na que é posible ver todos os itinerarios.

   Así mesmo, o conselleiro explicou que "se trata dun proxecto inicial", xa que "abre unha porta ao Centro de Artes Dixitais de Galicia que acollerá o Gaiás". Rodríguez puntualizou que "a Xunta ten previsto crear máis puntos de entrada a 'Galiverso' en bibliotecas, museos autonómicos e centros ensino".

   A xefa do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Cultura e encargada do proxecto, Fátima García, explicou que se trata "dunha experiencia sen cables, tan só coas lentes de realidade virtual, e que as mans son o único que se utiliza". Ademais, sinalou que o espazo "nace con vocación de crecer e crear outros mundos virtuais".

    'Galiverso', que se recomenda para maiores de doce anos, forma parte das exposicións colocadas de forma indefinida do museo e pode visitarse de martes a domingo en horario de tarde de 16,00 a 20,00 horas, así como sábados, domingos e festivos, tamén de 11,00 a 14,30 horas.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado