Ignacio Vilar estreará en novembro a súa nova película, 'Vilamor', ambientada nas comunas lucenses dos 70

A zona de Os Ancares acollerá entre o 2 de xuño e o 14 de xullo a fase final da rodaxe

Vilamor Ignacio Vilar
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 31 mayo 2011 16:45

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 May. (EUROPA PRESS) -

O director galego Ignacio Vilar prevé estrear no mes de novembro deste ano a súa nova película, 'Vilamor', un filme inspirado nunha "historia real", a das comunas que se crearon nos anos 70 en Negueira de Muñiz, na montaña lucense.

Así o explicou Vilar este martes na presentación da segunda fase da rodaxe deste filme, que comezará o próximo día 2 e calcula que remate o 14 de xullo. A primeira fase da rodaxe realizouse na zona de Os Ancares e a fronteira asturiana durante o inverno.

Entre as peculiaridades desta película, indicou o seu director, está a "íntima conexión coa natureza" na que se desenvolve, algo que obrigou o equipo a rodar en "localizacións complicadas" e de "acceso difícil".

Ao mesmo tempo, Ignacio Vilar, tamén director de 'Pradolongo', asegurou que se trata dunha "película coral", na que participan 30 actores entre os que se atopan Rubén Riós, Sabela Arán, Tamara Cana, Paulo Serantes, Sheyla Fariña, Xoel Yáñez ou Deborah Vukusic, entre outros

HISTORIA REAL

Este "interesante" proxecto narra así un suceso "real", unha "parte da historia" de Galicia "moi descoñecida" e que pode interesar "moito público". "É unha historia pensada para encher as salas e para todos os públicos", explicou o seu director.

Para este filme, Ignacio Vilar traballou coa compositora Zeltia Montes na confección dunha música que, segundo a súa autora, é "moi ambiciosa" e posúe "moito aire" dos anos 70 para ambientar a historia. En particular, o tema principal, que xa foi gravado, articúlase sobre un poema de Manuel Antonio.

Na presentación da segunda parte da rodaxe, o director da Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, destacou a importancia de mellorar a distribución do cinema galego que, non obstante, viu nunha situación "bastante positiva".

En concreto, Fasero recordou que durante este ano se gravarán na Comunidade 11 films, unha cifra proporcionalmente mellor que a doutras comunidades, como Barcelona, que albergará 17. En particular, a Agadic apoiará 'Vilamor' cunha inversión de 300.000 euros.

Contenido patrocinado