SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Mar. (EUROPA PRESS) -
A Patrulla Fiscal e de Fronteiras (PAFIF) da Garda Civil de Marín incautou 57 de polbo ilegal no porto deportivo de Beluso, no municipio pontevedrés de Bueu.
Segundo informou o Instituto Armado nun comunicado, a investigación comezou despois de varios seguimentos realizados durante dúas xornadas consecutivas, nos que os axentes observaron o comportamento dun pescador recreativo.
O home saía a faenar a bordo do seu embaración e, ao chegar a porto, trasladaba a captura a un vehículo particular e dirixíase a unha caseta do propio porto, onde presuntamente entregaba o produto capturado. Estes feitos repetiunos de forma idéntica en ambos os días, polo que levantou as sospeitas dos axentes.
Ante esto, a Garda Civil realizou unha inspección na caseta e localizou un total de 57 quilos de polbo --10 quilos eran frescos, supostamente achegados polo pescador investigado e outros 47 quilos estaban conxelados--.
Os axentes identificaron ao responsable da instalación, un profesional do sector pesqueiro, que non puido acreditar a procedencia do polbo almacenado.
Ademais, as comprobacións realizadas sobre as capturas recentes revelaron que os exemplares non alcanzaban a talla mínima legal e que a cantidade capturada excedía amplamente os límites permitidos na pesca recreativa.
Estas prácticas están expresamente prohibidas pola normativa vixente en Galicia. Os axentes procederon ao comiso de toda a mercadoría, que posteriormente foi entregada a unha entidade benéfica de Marín.