SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Oct. (EUROPA PRESS) -
Máis dunha decena de voos foron desviados ou cancelados durante este sábado con destino ou chegada Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro con motivo das condicións meteorolóxicas adversas que se rexistran na capital galega, con intensas choivas e vento durante toda a xornada.
Así, desde primeira hora foron desviados voos procedentes de Bolonia, Xenebra, Madrid, Tenerife ou Porto e foron canceladas chegadas desde Londres, Porto ou Palma de Mallorca.
En canto ás saídas, canceláronse tamén os voos con destino Bolonia, Xenebra, Madrid, Palma de Mallorca, Tenerife ou Barcelona.
Ademais, un voo que partía esta mañá dirección Bilbao desde o aeroporto compostelán tamén tivo que ser desviado polos fortes refachos de vento que azoutan Bizkaia e que superan o 100 km/h.
Aena informou nas súas redes sociais dun fenómeno de meteoroloxía adversa no aeroporto compostelán, polo que indica aos usuarios que consulten coas súas compañías aéreas o estado do seu voo.
Tamén no aeroporto de Vigo víronse afectados con desvíos ou cancelacións voos con destino ou chegada Madrid.
Meteogalicia mantén un aviso amarelo por choivas e vento en todo o territorio, mentres que ascende a laranxa por vento e ondas en todo o litoral.