En Marea aprobará este sábado o calendario de primarias de cara ás xerais

Xoán Vázquez Mao, secretario do Eixo Atlántico, e Luís Villares, portavoz de En
PAULA JUSTO-EUROPA PRESS
Publicado: viernes, 15 febrero 2019 14:42

Villares advírtelles aos posibles aspirantes: deben "crer nesta oferta" e "aclarar" os seus principios políticos

VIGO, 15 Feb. (EUROPA PRESS) -

O Consello das Mareas aprobará este sábado o seu calendario de primarias para elixir os candidatos que concorran ás eleccións xerais do próximo 28 de abril, segundo avanzou o portavoz de En Marea, Luís Villares. A reunión xa estaba prevista de antemán após a votación dos orzamentos xerais, para a que a dirección decidira o non, algo que só respectou a deputada Alexandra Fernández.

Nunha comparecencia ante os medios, con motivo dunha visita a Vigo para reunirse co secretario xeral do Eixo Atlántico, Villares proclamou que En Marea está "preparada" para "asumir o reto político" dunha nova cita electoral.

De feito, indicou que o máximo órgano de decisión entre plenarios aprobará este sábado o calendario de primarias para elixir os candidatos ao Congreso e ao Senado, e "facer fronte a esta situación". No entanto, matizou que este escenario era unha "hipótese de traballo" que En Marea manexaba "desde hai tempo".

Cuestionado acerca das medidas políticas que se anunciaron con respecto ao catro deputados que votaron a favor dos Orzamentos Xerais do Estado, Luís Villares resolveu a cuestión apuntando que "a lexislatura está rematada" e agora "o que toca é a composición política dunha oferta que sexa defendida por deputados e deputadas que crean nesa oferta".

CANDIDATOS QUE "ACLAREN" OS SEUS PRINCIPIOS POLÍTICOS

Así, o portavoz de En Marea incidiu en que "para iso se fan as primarias" e sinalou que as persoas que se candidaten "deberán aclarar os seus principios políticos" en defensa de Galicia. "En Marea ten tres eixos, o democrático, o social e o nacional, que deben estar presentes", engadiu.

A preguntas dos medios, sobre se En Marea concorrerá ás eleccións en solitario e se haberá pacto con Podemos, Villares afirmou que o partido se presentará "como formación propia". Ademais, lembrou que En Marea é un "espazo político plural e diverso que acolle a dobre militancia, pero de adscrición individual".

A ese respecto, convidou a "compañeiros e compañeiras", aínda que militen "noutras forzas políticas", a "participaren activamente" no proceso de primarias e na conformación de candidaturas.

FIN DA LEXISLATURA

Con respecto á convocatoria de eleccións, Luís Villares lembrou que En Marea mantivo, durante a negociación dos Orzamentos, os principios recollidos na súa 'axenda galega do cambio', que o PSOE "non quixo aceptar", o que levou a "dicir un non rotundo" a esas contas.

Segundo sinalou, esa axenda marca como fundamentais os eixos da rexeneración democrática, do impulso social e da defensa de Galicia. "Preferiamos continuar a exploración deses vectores, pero acollemos este momento con moita esperanza, porque nos permite explicar as nosas propostas (...) e saímos a gañar, a por todas", concluíu, con respecto á convocatoria electoral anunciada este venres por Pedro Sánchez.

Por outra banda, Luís Villares referiuse ao acto que, este xoves, reuniu en Vigo a Pablo Casado e Alberto Núñez Feijóo, e que cualificou como "acto do odio". "Vimos a Feijóo e a Casado facer votos por un pacto coa extrema dereita", lamentou, e advertiu de que "non se pode estar con Galicia e coa Falanxe ao mesmo tempo, coa igualdade e co machismo ao mesmo tempo, defender Galicia e pactar cos que queren a supresión da Comunidade Autónoma".