SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Mar. (EUROPA PRESS) -
O marido da muller que deu positivo por coronavirus no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo acudiu afectado de dor de costas ao centro vigués o pasado 28 de febreiro, aínda que naquel momento non lle foi detectada unha pneumonía, patoloxía que si se diagnosticou o día 1 de marzo, cando regresou de novo a Urxencias. A partir desa xornada, e durante 3 días, permaneceu ingresado no centro, aínda que sen illar, dado que non entraba "dentro dos criterios" desta infección.
Así o confirmou este xoves o xefe do servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Víctor del Campo Pérez, que compareceu nunha rolda de prensa para informar do segundo caso de coronavirus rexistrado en Galicia. Nela participaron tamén o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada.
En concreto, o resultado positivo confirmado polo laboratorio central de Majadahonda este xoves, o segundo en Galicia, corresponde á muller, de 47 anos, que acudiu acompañando o seu marido ao Álvaro Cunqueiro e que, polo momento, permanece sen síntomas, aínda que en illamento, como el, desde o mércores.
Víctor del Campo contou que o que acudiu ao hospital foi o home, o pasado venres, afectado de dor de costas. Naquel momento, as probas practicadas descartaron que padecese pneumonía e foi dado de alta ao día seguinte.
REGRESOU O DÍA 1
Con todo, como as molestias persistían, o home regresou ao Álvaro Cunqueiro o 1 de marzo, cando si lle detectaron unha pneumonía. Ese día foi ingresado no hospital, aínda que non illado, dado que "non cumpría criterios" segundo os protocolos vixentes.
O home permaneceu ingresado nunha área convencional ata que este mércores se lle fixo unha primeira proba no Álvaro Cunqueiro, que deu positivo a coronavirus, o que determinou que tanto el como a súa muller, que se atopaba acompañándoo, fosen postos en illamento.
Á muller, que non ten síntomas, fixéronselle entón as probas, que foron confirmadas como positivo polo laboratorio de Majadahonda. As mostras do home remitidas a Madrid, con todo, deron resultados non concluíntes e están a ser repetidas para confirmar ou descartar que el tamén teña o virus.
Polo momento, ademais de polos en illamento, identificáronse os contactos que ambos puideron ter, tanto dentro como fóra do hospital, para facerlles seguimento. A parella, aínda que reside na área de Vigo, viaxara " recentemente a Madrid", onde Sanidade cre que se produciu o contaxio.