SANTIAGO DE COMPOSTELA 27 Oct. (EUROPA PRESS) -
O actor Martin Sheen e o seu fillo, o director Emilio Estévez, presentarán o próximo día 8 de novembro en Santiago a película 'The Way', rodada durante sete semanas no Camiño de Santiago e que se estreará nos cines o próximo 19 de novembro.
A película, da produtora Filmax e patrocinada polo Xacobeo 2010, terá o seu 'premiere' e presentación o día 8 en Santiago e o 10 en Madrid, un encontro que contará co seu protagonista e co director, Emilio Estévez.
Rodada ao longo do Camiño de Santiago en setembro, outubro e novembro de 2009, The Way narra a historia de Tom Avery, un reputado oftalmólogo que vive en California e que, tras recibir unha chamada que lle comunica o falecemento do seu fillo Daniel nos Pireneos, decide concluír o Camiño de Santiago que o seu fillo iniciara.
A película, na que participan a actriz canadense Deborah Kara Unger, e os actores Yorick Van Wageningen e James Nesbitt, inclúe imaxes filmadas no interior da Catedral de Santiago.