Adrián Irago - Europa Press
VIGO, 15 May. (EUROPA PRESS) -
O sector do metal de Pontevedra pechou un preacordo para o novo convenio apoiado por UXT e CC.OO, sen a firma da CIG, despois de máis dunha ducia de reunións e de tres xornadas de folga neste mes de maio, con manifestacións multitudinarias polas rúas de Vigo.
Segundo trasladaron fontes sindicais e da patronal, o preacordo, para un convenio a 4 anos, recolle un incremento salarial do 15% (5% en 2026, 4% en 2027, 3% en 2028 e 3% en 2029, cunha cláusula de garantía vinculada ao IPC, cun tope do 2,5% en 2027, 2028 e 2029.
Tamén se establece a diferenciación salarial entre oficial de 1ª e de 2ª, outorgando ao primeiro un incremento do 0,5% en 2028 e outro 0,5% en 2029.
Por outra banda, inclúe melloras como o abono dun dos conceptos de traballos especiais (Tóxico, penoso ou perigoso) nos estaleiros, varaderos e centros de reparación naval, a implantación de xornada intensiva polo menos no mes de xullo nestes mesmos centros de traballo e un día máis de vacacións (24), que sairía do axuste de xornada. A xornada anual reducirase a 1.752 horas en 2027 (8 horas menos).
O preacordo foi validado polos representantes de CC.OO e UXT, que valoraron positivamente os avances e cualificaron como "histórico" o novo convenio, "o mellor dos últimos 20 anos". Agora, o texto terá que ser validado polas súas asembleas.
O SECTOR "FALOU NA RÚA"
A CIG, pola súa banda, denunciou que este preacordo "traizoa" o que os traballadores estiveron defendendo no tres xornadas de folga de maio. "Despois dunha mobilización histórica, o acordo non está á altura", lamentaron, e lembraron que "o Metal falou na rúa".
Respecto diso, advertiron de que "había forza para conquistar moito máis" e que os próximos anos con este convenio serán "catro anos perdidos" nos que os traballadores non terán oportunidade de recuperar "o pelexado" estes días, nin de volver discutir "cuestións fundamentais".
"Despois dunha folga exitosa, a patronal consegue estabilidade e paz social, mentres que as persoas traballadoras seguimos asumienod perdas, precariedade e incerteza".
Así, a CIG criticou que non se garante a revisión salarial ligada ao IPC durante o catro anos de vixencia, que a subrogación só afectará as empresas de telecomunicacións e eólica con máis de 50 empregados, que non hai propostas efectivas para a xubilación anticipada, que a xornada continua só será durante un mes, ou que a redución de xornada é "insuficiente", entre outras cuestións.
A central nacionalista convocou asembleas de traballadores para este luns ás 18.00 horas para trasladar a súa posición.