O Nobel de Medicina Richard Roberts participa a próxima semana no programa ConCiencia en Santiago

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 1 junio 2011 20:13

SANTIAGO DE COMPOSTELA 1 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Premio Nobel de Medicina en 1993, Richard Roberts, inaugurará a próxima semana en Santiago de Compostela a sexta edición do Programa Conciencia.

Segundo informou a Universidade de Santiago (USC), a visita deste científico británico, coñecido pola súa denuncia da actuación da industria farmacéutica a quen acusa de ralentizar e mesmo frear o desenvolvemento de fármacos -"o fármaco que cura de todo non é rendible", chegou a dicir recentemente-, inclúe, como é habitual, unha rolda de prensa, unha conferencia aberta ao público en xeral e unha reunión con persoal investigador.

As actividades de Roberts en Santiago concéntranse nos días 8 e 9 de xuño, nos que terá unha comparecencia ante os medios de comunicación --o mércores-- e a conferencia que pronunciará o xoves ás 20.00 horas na Aula Sociocultural Novacaixagalicia baixo o título 'Por que me gustan as bacterias?'

Richard Roberts recibiu o Premio Nobel xunto con Phillip A. Sharp polo seu descubrimento dos intróns, fragmentos de ADN que están presentes nos xenes pero que non codifican información.

O científico descubriu tamén que os xenes poden ser discontinuos, é dicir, que poden estar presentes no ADN en diferentes segmentos ben separados. Ao principio o achado fíxose nun virus típico causante de catarros, o chamado adenovirus, pero pronto se viu que estes intróns son frecuentes en organismos superiores, como ser humano.

O seu descubrimento non foi só de importancia capital como fundamento da moderna bioloxía, senón que o foi tamén para investigación médica orientada no campo do cancro e outras enfermidades.

Richard Roberts (1943, Derby, Inglaterra, 1943) estudou Química en Inglaterra, pero foi en Estados Unidos onde desenvolveu a súa actividade docente e investigadora, concretamente en Harvard e no Cold Spring Harbor Laboratory de Nova York. Dende 1992 dirixe os traballos de investigación do Biolabs Institute, de Beverly, (Massachusetts).

Contenido patrocinado