SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Ene. (EUROPA PRESS) -
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, destacou este venres o feito de que a coalición En Marea --conformada por Anova, Esquerda Unida e Podemos Galicia-- vaia ser recibida na audiencia co Rei como "candidatura propia" e, en consecuencia, esixiu un grupo parlamentario "diferenciado" no Congreso dos deputados.
"É un grupo diferenciado", subliñou Noriega a preguntas dos xornalistas na rolda de prensa tras a Xunta de Goberno local. E é que considera que este feito queda patente tanto no propio Ministerio de Interior coma en que "ten dereito a acudir á audiencia (co Rei) como grupo diferenciado".
Por iso, considera que os impedimentos que está a ter En Marea para constituír grupo parlamentario propio, como xa dixo noutras ocasións, non son "xurídicos" nin "legais", senón que son "políticos". "Está a haber moitas maiores resistencias das que eu esperaba na apertura dunha nova etapa", confesou o rexedor compostelano aos medios.
"En Marea, como coalición, ten unha personalidade propia; figura no Ministerio (de Interior) cunha personalidade propia; na noite de recontos electorais figuraba cunha personalidade propia porque a ten, porque non é unha prolongación de Podemos, remarcou Noriega.
Entre os "argumentos políticos" que, ao seu xuízo, se están a empregar para negar á coalición a posibilidade de configurarse en grupo propio atopan a "duplicidade de custos" e o asuntos dos "tempos" de intervención.
No que respecta ao primeiro argumento, o alcalde de Compostela fixo fincapé en que, dende a propia En Marea, "se dixo que se renunciaba a sobrecostes". Pola súa banda, no que atinxe ao asunto dos tempos de intervención, indicou que a coalición tamén estaba disposta a negociar este tema. "E aínda así está habendo unha negación desta realidade", lamentou Noriega.
CRÍTICAS AO PSOE
"Curiosamente, os que negan esa posibilidade prestan logo representantes electos a outras forzas, como pode ser Convèrgencia ou Esquerra Republicana, que están anatemizadas polo proceso catalán para configurar os seus grupos, que non cumprían cos requisitos legais de alcanzar o 15 por cento en cada provincia nin o número total de votos," relatou o rexedor de Santiago.
Refírese o alcalde a que o PSOE cederá dous senadores a Esquerra Republicana e outros tantos a Democràcia i Llibertat, a coalición da que forma parte Convergència, para que ambas as dúas formacións teñan grupo propio no Senado.
No caso do Congreso, aínda que ningunha das dúas formacións independentistas cumpre cos requisitos que esixe o regulamento, tanto o PP como o PSOE comprometéronse a facilitarlles a creación de grupo parlamentario propio.
Así as cousas, Noriega considera que o contexto político actual é "bastante esperpéntico". "Cando vexo que, mesmo, hai representantes galegos que van completar grupos de Esquerra republicana ou de Convergència para dotalos de personalidade propia penso: ¡ Caray!, qué xenerosidade para algúns e cantas pedras no camiño para outros", ha ironizado.
PAPEL DO PSOE
Preguntado por a críticas do voceiro parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, quen cuestionou as políticas de esquerda das mareas e o labor destas en Santiago, A Coruña e Ferrol, Noriega admitiu que cando fala de que "se están a atopar máis resistencias do que se agardaba para a apertura dunha nova etapa política" está a interpelar directamente ao PSdeG e ao PSOE.
"Eles teñen unha función que non é menor: saber se facilitan a apertura dun novo proceso ou se mostran resistencias, e onte quedaba en evidencia que mostran moita resistencia", resaltou o alcalde compostelano, en referencia a a críticas de Méndez Romeu a En Marea e aos gobernos municipais da Coruña, Santiago e Ferrol.
Así mesmo, criticou o feito de que "persoas" como Méndez Romeu "pontifiquen" o que "deben ser os valores de esquerda e os modelos de xestión": "A min non me merece moita credibilidade vindo de quen vén, pero iso teñen que xulgalo os cidadáns", resolveu.
AUTONÓMICAS
No que respecta ás eleccións xerais, explicou que non puido haber implicación das mareas municipais na coalición En Marea pola "carga de traballo" dos "primeiros tempos" de Goberno, pero que agora, de cara ás autonómicas, toca "construír o parrulo desa mesa colectiva".
"Agás sorpresas de última hora estaremos alí, como un máis, evidentemente", apostilou.