SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Jul. (EUROPA PRESS) -
O Consello da Xunta aprobou este luns a nova estratexia do Servizo Galego de Saúde (Sergas) contra as enfermidades raras, cunha asignación de 396 millóns de euros para o período 2025-2030. De todo este montante, a maior parte --384 millóns, un 97%-- estará destinada a financiar as terapias farmacolóxicas.
Ademais, esta folla de ruta inclúe 4,8 millóns de euros para o programa de cribados neonatais e outros 7,8 millóns para outras liñas de traballo, como medicións de calidade de vida e programas de redución da dor e os síntomas, entre outras.
Así o destacou na súa comparecencia o presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, quen cifrou en máis de 5.200 as persoas que en Galicia están diagnosticadas dunha destas patoloxías.
A estratexia está estruturada ao redor de cinco liñas de traballo. A primeira que mencionou Rueda foi a rehabilitación, unha "prioridade" que se realizará a través de equipos multidisciplinares formados por médicos, fisioterapeutas e logopedas, entre outros. Ademais, porase en marcha un servizo de rehabilitación a domicilio e incorporarase tecnoloxía robótica.
A segunda liña será reducir o tempo de espera das probas e os estudos xenéticos de diagnóstico de enfermidades raras. Tamén se prevé crear unha plataforma tecnolóxica para facilitar a incorporación de Galicia á rede de nodos do Sistema Nacional de Saúde no marco do proxecto 'Únicas', para que todos os nenos con enfermidades raras teñan as mesmas oportunidades de atención, vivan onde vivan.
De feito, o Consello da Xunta abordou este luns, precisamente, a licitación por 1,3 millóns para desenvolver a plataforma dixital que evitará que os pacientes pediátricos teñan que desprazarse aos centros de referencia da súa patoloxía específica.
Desta forma, desde calquera nodo da rede 'Únicas', incluído o galego, posibilitarase que estes pacientes reciban unha asistencia equivalente desde onde residan, excepto no caso de que necesiten terapias intervencionistas.
CRIBADOS NEONATAIS
Os outros eixos do plan serán ampliar a carteira de servizos na chamada 'proba do talón' que se fai aos neonatos. A día de hoxe, pódense detectar até 37 patoloxías, o cribado "máis completo" de España, e prevese incluír outras 12.
Entre os anos 2000 e 2024, un total de 467.531 bebés foron cribados e diagnosticáronse 705 enfermidades. Entre elas, o Sergas inclúe esta proba a atrofia muscular espiñal (AME), que rexistrou dous casos en 2023 e un en 2024.
En cuarto lugar, a nova estratexia do Sergas inclúe homoxeneizar e facilitar o acceso a terapias e tratamentos. En quinto, mellorar a precisión dos informes médicos para ter valoracións máis axustadas de recoñecemento do grao de discapacidade, dependencia ou incapacidade laboral permanente.
Entre as accións da estratexia, estarán tamén potenciar a coordinación entre distintos niveis asistenciais e a creación dun 'xestor de casos', para que sexa o profesional de referencia de cada paciente.
COMPRAS POR MÁIS DE 40 MILLÓNS
Así mesmo, a reunión deste luns do Consello autorizou dúas novas licitacións, por máis de 40 millóns de euros en total, para a compra de prótese de válvulas cardíacas e de dispositivos de tratamentos percutáneos.
O contrato para adquirir prótese valculares, que terán como destino os hospitais de Santiago, A Coruña e Vigo, terá unha duración inicil de dous anos e unha prórroga por outros dous. Así, os 35,6 millóns de euros orzados inicialmente poderían alcanzar os 71,2 millóns.
O segundo dos expedientes autorizados, para a subministración de dispositivos de tratamento percutáneo para a insuficiencia mitral e tricúspide, está dotado duns 4,7 millóns de euros, prorrogables a 9,5 millóns. Este contrato tamén terá unha duración inicial de dous anos que se poderían estender a catro.
A reunión do Executivo galego deste luns tamén autorizou a firma dun convenio entre a Consellería de Sanidade, o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) e a Universidade de Alcalá para que 235 médicos do Sergas reciban formación sobre incapacidade temporal. Suporá un investimento superior aos 165.000 euros.