SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Mar. (EUROPA PRESS) -
Novagalicia Banco e os tres sindicatos maioritarios (CC.OO., Csica e UGT) alcanzaron un "principio de acordo" para aplicar medidas de aforro, que prevé elevar ata 700 as saídas de persoal --tense en conta no cómputo ao persoal que se acollera ao ERE vixente-- e aplicar suspensións de contratos de ata seis meses consecutivos, así como reducións da xornada anual de ata un 25%.
O documento, publicado na páxina da sección sindical de UGT no banco, leva os logotipos dos tres sindicatos e está antecedido dunha comunicación ao equipo, na que as tres organizacións destacan a "forza" que lles achegou traballar "xuntos os tres sindicatos maioritarios" na empresa e explican que o achegamento se produciu o pasado día 8 de marzo --día despois da protesta en A Coruña--, nunha reunión en Madrid.
"Tras moitas horas de ofertas e contraofertas, ás 6.40 horas da madrugada do venres alcanzouse un principio de acordo que creemos que pode dar un pouco de tranquilidade a esta empresa", concretan. Este texto, apuntan, "cumpre os criterios suficientes para garantir o emprego no banco" e permite manter os postos de traballo, polo que consideran o "obxectivo cumprido".
O preacordo, que foi criticado pola CIG, que censurou as negociacións "por detrás", ás que só estiveron convocados CC.OO., Csica e UGT, aínda está suxeito a negociación. De feito, está prevista unha reunión entre a entidade e todos os sindicatos este xoves, 15 de marzo, ás 11.00 horas no antigo centro ON de Santiago.
Na redacción actual, establece que se mantén o ERE vixente --que tiña un límite de extincións de 350-- ata o 31 de marzo. A partir de entón, entra en aplicación este novo texto, que eleva ata 700 as baixas indemnizadas.
"Poderán acollerse a esta medida todos os traballadores da entidade ata alcanzar o excedente estrutural de equipo de 700 empregados, incluído os traballadores que extinguiran o seu contrato de traballo por acollerse á medida de baixa indemnizada prevista no acordo colectivo do 21 de xullo de 2011", di concretamente, en alusión ao pacto que deu orixe a este ERE de 350 prazas.
A indemnización a partir do 1 de abril será de 45 días por ano de servizo co límite de 42 mensualidades, aínda que a cantidade non poderá superar os 200.000 euros.
SUSPENSIÓNS E REDUCIÓN DE XORNADA
"A entidade poderá suspender de xeito rotativo o contrato de traballo ou reducir a xornada de ata o 75% dos empregados do seu equipo", expón o documento. Así, a suspensión pode ser de ata seis meses consecutivos e poderá comezar en calquera data entre o 1 de abril e o 1 de outubro de 2014.
A redución de xornada pode ser de ata o 25% durante un período de dous anos e poderá comezar entre o 1 de abril e o 1 de outubro de 2012. No caso de traballadores de oficinas afectadas por peches ou reestruturación da rede, e cun límite de 450 empregados, a suspensión de contrato pode ser de ata un ano e a redución de xornada de ata o 50% durante dous anos. O aviso debe producirse, en calquera caso, con 15 días de antelación.
Durante ese período de suspensión ou redución de xornada, os traballadores teñen dereito a percibir a prestación por desemprego. Ademais, este tempo contará como antigüidade "a todos os efectos".
BAIXADA DE SALARIOS
O documento apunta que as indemnizacións para o persoal que non poida ser recolocado en oficinas do seu ámbito van dos 6.000 euros se se debe desprazar entre 25 e 65 quilómetros, ata os 30.000 se a distancia supera os 350 quilómetros.
En canto ás baixadas salariais, a táboa incluída no preacordo fixa unha rebaixa de ata o 2% nos salarios entre 25.000 e 35.000 euros --para importes inferiores non se aplica recorte--, que vai aumentando ata o 14,6% de tope que se podería aplicar nos soldos por enriba de 115.000 euros.
A táboa calculada para 2013 estima importes máximos de desconto que oscilan entre os 700 euros e os 15.295 euros no salario anual.
O principio de acordo toca tamén as achegas aos plans de pensións, que non se realizarán en 2012, 2013 e 2014, aínda que se elaborará un plan de "recuperación dos importes" que durará ata doce anos. Tamén indica que debe negociarse antes do 1 de abril a regulación de xornada e horario das oficinas de EVO Banco, a nova marca que operará fóra de Galicia, Asturias e León.