SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 May. (EUROPA PRESS) -
Os grupos da oposición --PSdeG, AGE e BNG--, que foron chamados a senllas reunións co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, para tratar de "vertebrar" un consenso en torno á lingua, insisten en que o coñecido como decreto do pluriligüismo debe suspenderse, pero ábrense a dialogar sobre esta materia, para a que piden "retomar" o plan de normalización lingüística.
Non obstante, o PPdeG, que tamén está convocado a un encontro bilateral a próxima semana, afirma que o decreto e o plan de normalización "están absolutamente na mesma liña" e son dous documentos "con vocación de consenso", como expresou, en declaracións a Europa Press, o deputado Román Rodríguez.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, remitiu este venres senllas cartas aos voceiros de lingua dos grupos parlamentarios co fin de reunirse con eles a próxima semana.
A aprobación dunha proposición non de lei no pasado pleno, que só contou co respaldo do PPdeG, foi a base para que o alto cargo autonómico remitise esta misiva manifestándolles os voceiros de todos os grupos "o interese do Executivo galego en reunirse a próxima semana para escoitar as súas propostas".
Dispostos A FALAR
Neste contexto, o voceiro socialista nesta materia, Francisco Caamaño, explicou que o PSdeG ten "toda a dispoñibilidade para falar" da cuestión lingüística, pero a posición de partida do seu grupo sitúase claramente a favor de "volver ao plan de normalización lingüística", aprobado na época de Manuel Fraga.
"Sentar, escoitar para alcanzar un consenso en materia de lingua, si", asegurou a Europa Press Caamaño, quen advertiu de que para poder levar a cabo unha negociación a Xunta debería "polo menos suspender" a aplicación do coñecido como decreto do plurilingüismo, senón retiralo.
Pola súa banda, o seu homólogo de Alternativa Galega de Esquerda, Xabier Ron, indicou que a asistencia á reunión aínda non se abordou no seo do grupo, pero si avanzou que o punto de partida tamén debe ser a retirada do decreto. "Temos que ver cal é a intención real", sinalou o parlamentario de AGE, quen lamentou que a reunión sexa con cada un dos voceiros, xa que preferise que se realizase "cos catro xuntos".
Desta forma, Ron pediu que "o punto de partida" sexa o plan de normalización lingüística, fronte a que a postura sexa "inflexible" e a que se propoña o decreto actual como base de diálogo.
Tamén a dirección do BNG ten que estudar aínda a carta enviada por Valentín García para decidir a súa postura ante o encontro, e analizar se hai "un cambio real" na postura ou constitúe "un paripé para facer crer" que hai unha vontade de diálogo". En todo caso, a deputada nacionalista Ana Pontón advertiu de que para os nacionalistas, que coinciden deste modo cos outros grupos, o "punto de consenso é o plan de normalización lingüística de 2004, que segue sin aplicarse".
"Todo o diálogo necesario", ofreceu Pontón, quen, en declaracións a Europa Press, avisou de que a súa formación recibiría "con agrado un cambio de posición" e que se retomase o plan de normalización, porque o decreto actual é, ao seu xuízo, "un paso atrás" e "contrario ao que di o plan de normalización".
"CLARAMENTE POSITIVA"
Pola súa parte, o vicevoceiro do Grupo do PPdeG, Román Rodríguez, considerou "claramente positiva" a carta remitida polo secretario xeral de Política Lingüística, e xulgouna como "unha mostra de que a Xunta está a perseguir o diálogo" para "vertebrar" unha política en torno a unha cuestión de país como é a lingua.
"Manifesta unha vontade clara de xerar consenso e non usar a lingua como ferramenta política", subliñou Román Rodríguez, quen espera que os grupos da posición sexan "sensibles" e "demostren que queren" un consenso lingüístico "non usuarla como elemento de confrontación".
O parlamentario popular incidiu en que o decreto e o plan de normalización "están absolutamente na mesma liña e son dous documentos con vocación de consenso", e sinalou que "ás veces dá a sensación de que á oposición non lle interesa" ese acordo en torno á materia lingüística.
"Pero imos facer un esforzo. Por nós non vai quedar", ratificou, en declaracións a Europa Press, Román Rodríguez, quen fixo votos por retomar o consenso en torno ao idioma a "loita" do cal se abriu en 2007 e que os populares ten "vontade de pechar".