Os traballadores de Ingemarga, en Guitiriz (Lugo), retoman a folga esta fin de semana tras os 30 despedimentos

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 13 junio 2008 21:45

LUGO 13 Jun. (EUROPA PRESS) -

Os traballadores de Ingemarga, empresa radicada en Guitiriz (Lugo) e que se dedica ao dentado de pedra, acordaron reiniciar as súas mobilizacións cunha folga convocada para esta fin de semana.

Logo de certa tregua tras os despedimentos de 30 traballadores que non aceptaron a xornada laboral de luns a domingo, retómase a folga ao querer de novo a empresa vasca impoñer esta dinámica laboral.

O paro, insisten dende os sindicatos convocantes UGT e CIG, obedece a "seguir reclamando que a xornada laboral sexa de luns a venres". O responsable do sector do metal na CIG, Antonio Niño, acusa a empresa de actitude "ditatorial e autoritaria" coa que pretenden "amedrentar" sindicatos e traballadores cunha "regulación de emprego de 43 persoas".

Niño queixouse de que para poñer freo a esta regulación de emprego, a empresa poña dúas condicións, como son a xornada de luns a domingo e que o comité de empresa subscribise un documento aceptando isto e, así, "renunciar a calquera posibilidade de conflito colectivo vía xudicial".

"Esta é a situación de absoluta chantaxe á que nos someten, co que os traballadores entenden que xa esta superada a situación, que hai límites que non se poden admitir como é que a empresa pretenda unha rendición total e limitar calquera dereito que calquera traballador ten", apostilou.

Ingemarga, despois do despedimento de 30 traballadores, conta cun equipo de 160 operarios que "de xeito unánime" van secundar o paro da fin de semana.

Contenido patrocinado