SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Sep. (EUROPA PRESS) -
A Xunta aumentará nun mes o período de alto risco de incendios en Galicia, que actualmente está fixado desde o 1 de xullo ao 30 setembro, de modo que terá lugar entre os días 16 de xuño e 15 de outubro de cada ano.
Así figura no borrador do anteproxecto da futura lei de loita contra os incendios forestais de Galicia, ao que tivo acceso Europa Press, á espera dos cambios que poida incorporar na súa tramitación no Parlamento, onde irá en outubro, segundo afirmou o pasado luns a conselleira do Medio Rural, María José Gómez.
A nova norma apunta aos "antecedentes e datos históricos sobre o risco de aparición de incendios forestais de Galicia" como causa desta ampliación 15 días antes en xuño e 15 despois en outubro, unido a "a incidencia das variables meteorolóxicas no comportamento do lume" nesta época.
Igualmente, a dirección xeral competente poderá ampliar máis aló das datas establecidas --tal e como ocorría actualmente-- a época de perigo de alto risco de incendios ou determinar outros períodos a engadir. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG).
MELLORA DO IRDI
Outra cuestión á que se presta atención o novo texto é a modificación do actual índice de risco diario de incendio forestal (IRDI) que incluirá unha mellora para ser máis detallado, territorializado e funcionar con maior anticipación.
En detalle, prevese a súa determinación a nivel municipal e establécese expresamente que se teñan en conta a información meteorolóxica, o estado hídrico das partes vivas e mortas da vexetación e o chan, a vulnerabilidade territorial e o comportamento esperado do lume. Ademais, a Xunta quere dispor dunha previsión con tres días de antelación.
O obxectivo deste novo IRDI é que funcione incorporando variables relacionadas coa dispoñibilidade real do combustible para arder e coa situación do territorio.
Xa o pasado luns a Xunta avanzou que cando o IRDI sexa moi alto ou extremo establécese a suspensión automática de todas as autorizacións de queima, prohíbese a súa utilización en áreas recreativas e refórzase a revogación automática dos permisos sobre o lanzamento de artefactos pirotécnicos.
Tamén, coa mesma situación do risco, limítase o uso de maquinaria que xere faíscas de 12 a 18 horas, agás que conte cun vixiante dedicado e un vehículo con polo menos 400 litros de auga e equipo de extinción.