Pioneiras nos seus ámbitos profesionais saúdan os cambios pero lamentan: aínda hoxe elas "teñen que demostrar máis"

1066670.1.260.149.20260307100447
Vídeo de la noticia
Edita de Lorenzo (arriba izq.), Lolymar Fernández (arriba dcha), Mari Carmen Abril (abajo izq.), Elena López (abajo dcha) y Ana Caballero (centro). - EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Publicado: sábado, 7 marzo 2026 10:04

VIGO 7 Mar. (EUROPA PRESS) -

Mulleres pioneiras nos seus ámbitos profesionais poñen en valor a "evolución" da sociedade e os "cambios", pero tamén advirten de que, aínda hoxe, "elas teñen que demostrar máis" para chegar onde chegan os seus compañeiros, e así o trasladan en entrevistas a Europa Press.

A maioría non eran "conscientes" de estaren a abrir camiño e case todas teñen en común a súa acesa defensa da vocación como motor nos seus traballos. As "barreiras" que percibían ao iniciaren a súa andaina non sempre estaban nos seus lugares de traballo, en moitas ocasións os "insultos" ou "comentarios" chegaban desde fóra.

Outra vivencia común é a percepción de que foron "ben acollidas" nos seus traballos porque eran "a novidade" e había curiosidade por saber como ían desenvolverse.

Para Elena López Díez, unha das primeiras urólogas de Galicia (e até hai pouco primeira muller presidenta da Sociedade Galega de Uroloxía), os seus primeiros anos exercendo foron cuestión de "supervivencia". "Presenteime ao meu xefe e case convulsiona, porque nunca unha muller entrara no seu servizo. É máis, o enfermeiro tiña que ser home", relata.

"HAI QUE SOBREVIVIR"

"Cando unha muller se mete no campo da Uroloxía, ten que asumir o reto (...), hai 40 anos os pacientes non estaban afeitos a que unha muller tocase determinados temas", explica e conclúe: "Hai que sobrevivir, se sobrevives os primeiros 10 anos o que non te mata, faite máis forte".

Tamén remarca a importancia da actitude. "A miña filosofía desde o inicio é: eu non vou ter sesgos contigo, e tampouco permito que ti os teñas comigo", puntualiza, e explica que, aínda que as cousas mellorasen, aínda hai poucas mulleres en postos de responsabilidade. "Estivemos 'moi malamente', asumismo os nosos roles como nais, coidadoras e profesionais", sinala.

Pero non dubida en animar a futuras médicas a elixir esta especialidade, da que fala con devoción e da que subliña o gran salto dado nos últimos anos grazas ao uso das novas tecnoloxías. No entanto, rexeita as "cotas" porque elas "son iguais e achegan o mesmo que os homes" pero tamén as hai que "non achegan nada". A diferenza, engade, é que elas "teñen que facer máis esforzo para conseguilo".

Ao VOLANTE E NO TALLER

A mediados dos anos 90 a presenza de mulleres condutoras na empresa Vitrasa, concesionaria do bus urbano de Vigo, reducíase a unha única traballadora, ata que chegou Mari Carmen Abril. De complexión miúda ("eu estaba sentada, ninguén sabía se era grande ou pequena"), chegou á empresa con experiencia, porque xa levara buses con traballadores e estudantes.

No seu caso, "nunca" tivo problemas nin con compañeiros nin con viaxeiros por ser muller, pero lembra cun sorriso cando foi sacar o carné de bus. "Preguntei e dixéronme que tiña que ter 21 anos, tíñaos; que tiña que ter o carné de camión, e tíñao... e saquei o de bus á primeira", explica.

Ana Caballero foi das primeiras mulleres en incorporarse ao taller de montaxe en PSA Peugeot Citroën, no ano 2000, e en 2006 converteuse na segunda 'carrista' da factoría. Recalca que foi "moi ben acollida" por compañeiros e pola empresa.

Ademais, presume de que abriu camiño a outras compañeiras para que se animasen a levar o 'carro de unllas'. "É algo que impón, tres toneladas, hai que ter moito coidado e pode ser perigoso. Pero díxenlles que o probasen porque, se eles poden, por que nós non iamos poder?", remarca.

Lolymar Fernández, xerente dun taller de reparación de coches desde hai 15 anos, quedou á fronte do negocio que antes dirixiran o seu pai e un socio, e era habitual que, ao falar cos clientes, estes non se fiasen do que lles dicía, ou directamente se dirixisen aos empregados homes.

"Necesitaban que un home lles dixese o mesmo que eu lles acababa de dicir que iamos facer co seu coche", narra, e a situación era igual con provedores. "Pensaban que non me decataba de nada, pero claro que sei as especificacións", explica e chancea: "Polo menos, a día de hoxe, ninguén me chama 'nena' ou 'chica'".

"DOBRE BARREIRA"

Edita de Lorenzo converteuse en 2009 na primeira muller en dirixir unha escola de Enxeñaría en Galicia, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Ademais, graduouse na segunda promoción da facultade, onde empezou a estudar en 1986, con apenas unha decena de compañeiras, entre máis de cen mozos.

Ela fala de "dobre barreira", xa que as mozas que se formaban no seu ámbito non só atopaban o prexuízo de que era un grao "maioritariamente de mozos", senón que, ademais, era dos que "ten fama de difícil". "Son dúas barreiras que superar. Para eles só estaba a barreira da dificultade", apunta.

Así, iniciou a súa carreira como docente con "poucas compañeiras" e o mesmo ocorreulle sendo directora da Escola. "Había algunha outra directora, por exemplo, naquel momento, na Politécnica de Cataluña", apunta e lembra: "Celebrábanse xornadas, por exemplo, nas que había unha ducia de mesas redondas e unha delas ou dúas, con mulleres e, claro, pensas, aquí hai que cambiar algo, non é só pór unha 'pinguiña' a ver se queda colorido".

Esta enxeñeira anima ás mozas que teñan vocación a buscar o seu camiño por esta vía. "Se as mulleres están atentas, investigan en determinados temas, colócanse en empresas que prioricen cuestións como temas médicos, ambientais, de coidados, de socialización, até cuestións de horario laboral, pode ser mellor para todos", proclama e engade a necesidade de que "elas tamén estean en posición de decidir".

CURIOSIDADE E EXPECTACIÓN

Marina Ledo chegou á Policía Local de Vigo con dúas compañeiras en 1981, e houbo que habilitar para elas vestiarios e uniformes que non existían, porque eran as primeiras. Das catro mulleres que se presentaron, tres lograron praza.

Marina foi ben acollida por uns "descolocados" compañeiros e xefes, pero as policías si recibían "insultos na rúa" como "vai fregar", por parte de "homes e mulleres", e era frecuente que, cando estaban con algún compañeiro, a xente "se dirixise só a eles".

Xa xubilada após 36 anos como axente, di que ser policía foi a vocación da súa vida e admite que as compañeiras que chegaron despois tivérono máis difícil. "Recordo unha que fixo a proba para ir na moto. Ninguén quería ir con ela, só un axente aceptou", expón.

"As mulleres somos máis empáticas, pómonos máis no lugar do outro e se es policía, iso é bo", explica e recalca que "hai que coidar os dereitos e a igualdade, que cremos xa conseguida, pero é unha loita constante".

María Novoa comezou a súa andaina profesional como reporteira gráfica primeiro en TVE en Galicia e logo na TVG, e admite que xogou "con vantaxe" ao principio, xa que o seu pai estaba no sector e tivo a sorte de contar con compañeiros que a axudaron, entre os que destaca a outra pioneira e referente, a xornalista Rita Alonso. "Eu vivín ao principio un machismo paternalista, porque sabían quen era o meu pai e sentíame ben tratada, ata que me dei conta de que iso é prexudicial", explica.

Co tempo notouse o "trato diferente" con respecto aos seus compañeiros e narra algúns episodios: "Que un produtor pregunte onde está o reporteiro gráfico e eu diante, porque non pensaba que era eu; que che digan que non necesitas gañar tanto diñeiro e che paguen menos que a eles; que digan onde debía porme para gravar ou como facelo, cando non llo facían aos meus compañeiros; así todo o tempo".

Era cuestión de "invisibilizala" constantemente. Ademais, fai unha reflexión, que outras pioneiras comparten: foron ben recibidas, pero as reticencias aparecen cos anos, "cando eles se dan conta de que as mulleres poden facer o mesmo que eles ou mellor, e entón séntense ameazados".

Contador

Contenido patrocinado