A Policía Científica da Garda Civil investiga a zona de Tui onde queimaron unha vintena de coches

Un equipo da Policía Científica da Garda Civil desprázase á zona para investigar os feitos

Un dos coches calcinados en Tui (Pontevedra)
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 20 marzo 2023 13:09

   VIGO, 20 Mar. (EUROPA PRESS) -

   Un total de 21 coches arderon na madrugada deste luns na localidade pontevedresa de Tui ao rexistrarse polo menos cinco puntos de lume en diferentes zonas do centro histórico da cidade.

   Tal como informaron fontes do Concello e do 112 Galicia consultadas por Europa Press, foi minutos antes das 04,00 horas da madrugada cando se tivo constancia do primeiro lume. A persona que chamou aos servizos de emerxencias indicou que había tres vehículos ardendo na Praza da Armada.

   A partir de aí, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia comezou a recibir un "goteo constante" de chamadas desde diferentes rúas da zona vella describindo un escenario similar.

   Minutos despois, outro alertante aseguraba que un automóbil ardía moi próximo a unha casa, afectando as chamas ao inmoble, que queimaron unha xanela, unha porta e un canlón de recollida de auga.

   Por todo iso, deuse aviso a medios tanto españois como portugueses, mobilizándose os bombeiros de Valena e os do Baixo Miño e Ponteareas, ademais dos GES de Mos e voluntarios de Protección Civil de Tui, de Salceda e de Tomiño.

   Após apagar os lumes á primeira hora desta mañá, agora son os axentes da Policía Local e da Garda Civil os que recollen información para extraer as conclusións do que puido ocorrer. O operativo tamén contou co apoio das autoridades do Concello de Tui.

   Precisamente o alcalde, Enrique Cabaleiro, cualificou os feitos de "gravísimos" ao tratarse dunha "auténtica traxedia". Ademais, en declaracións a Europa Press, indicou que non foi "vandalismo", senón un feito "premeditado", xa que se queimaron a práctica totalidade dos vehículos aparcados nas prazas habilitadas no caso histórico.

   Así mesmo, lamentou que ao tratarse de rúas estreitas, isto dificultou a acción dos medios de extinción. Por todo iso, ás 12,00 horas deste luns convocouse unha xunta de portavoces local e está prevista a visita da subdelegada do Goberno, Maica Larriba.

   Cabaleiro pediu colaboración cidadá para que todo aquel que vise un comportamento "estraño" durante a madrugada deste luns, que o denuncie ás autoridades para tratar de saber quen puido causar todos estes incendios.

PRAZA DA ARMADA, A ZONA MÁIS AFECTADA

   A zona con maior número de coches calcinados é a praza da Armada Española, en pleno centro histórico da localidade tudense, onde arderon cinco vehículos, un deles, moi próximo a unha vivenda.

   Así o relatou o xefe da dotación de bombeiros do Porriño, Pablo Antonio Ordóñez, que formaba parte dun dos primeiros equipos de emerxencias chegados a Tui após recibir ás 03,40 horas unha chamada que alertaba de tres coches en chamas.

   Xa na zona, os bombeiros comprobaron que había mais vehículos ardendo. "Tivemos que avisar a máis medios porque non eramos suficientes e tiñamos que ir aos poucos extinguindo por prioridade", relatou o responsable dos servizos de extinción.

   Os veciños chegaron a colaborar cos bombeiros empregando mangueiras e cubos de auga, algúns mesmo desde as xanelas das súas vivendas.

   "Eran unhas chamas moi vivas. Tiveron que botarlle algo proque os coches arderon moito e moi rápido", sinalou Arturo Martínez, veciño da zona que axudou a retirar un vehículo cunha corda para evitar que as chamas se propagasen a el.

   "Eu pensaba que estaba a arder unha casa", apuntou Miguel Botelo, outro veciño do centro de Tui que saíu á rúa cando escoitou varias deflagracións.

INVESTIGACIÓN

   Ao longo da mañá deste luns un equipo da Policía Científica da Garda Civil desprázase a Tui para analizar o escenario dos feitos e recoller mostras dos coches calcinados, que se atopaban nunha zona de aparcadoiro restrinxido a residentes.

   Esa mesma zona foi o escenario de varios incidentes ao longo dos últimos meses. Segundo veciños da área, varios coches patrulla da Polícia Local ou vehículos particulares de axentes deste corpo --que carece de servizo de madrugada desde hai un ano-- apareceron coas rodas picadas.

Contenido patrocinado