Pontón acusa a Rueda de gobernar "en contra de Galicia": "É o presidente máis antigallego da historia"

Critica o 'ruedafeudalismo' e aposta por un Sergas dos servizos sociais, limitar prezos do aluguer e revitalizar o galego

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, intervén durante o debate sobre o Estado da Autonomía, a 23 de abril de 2025, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia.
César Martínez - Europa Press
Europa Press Galicia
Publicado: miércoles, 23 abril 2025 20:03

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Abr. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou a Alfonso Rueda de gobernar "en contra de Galicia" e de ser "o presidente máis antigalego e desleal da historia".

   Fíxoo na súa réplica ao discurso do presidente da Xunta no Debate sobre o Estado da Autonomía que a líder nacionalista iniciou cunha frase do finado Papa Francisco sobre que a "guerra é un fracaso da política e da humanidade" e mostrou o seu orgullo porque o BNG "se sitúe ao lado correcto: da paz, a defensa e a soberanía dos pobos".

    "Que ninguén se leve a enganos, máis gasto militar é menos sanidade, menos educación e menos pensións", aseverou ao comezar a súa intervención no hemiciclo da Cámara galega, onde estivo arroupada polos alcaldes nacionalistas de Santiago e Pontevedra, Goretti Sanmartín e Miguel Anxo Fernández Lores, respectivamente.

   Tras este comezo, Pontón puxo o foco en Rueda, "o presidente máis antigalego e desleal da historia", ao que acusou de "vender Galicia a prezo de saldo" para "encher os petos de empresas amigas".

   Neste sentido, afirmou que o presidente da Xunta non é un "servidor de Galicia", senón que é "servidor de Altri, das eléctricas, dos que fan negocio coa vellez e de empresas amigas de familiares do PP aos que rega con contratos a dedo". "Rueda, vostede non serve a Galicia, sérvese de Galicia", puntualizou a portavoz do Bloque.

   As consecuencias dun goberno que cualificou de "antigalego e desleal" son para Pontón "nefastas", polo que pasou a cuestionar se Galicia "está mellor tras 16 anos dos gobernos do PP" e volveu a acusar ao líder do PPdeG de formar un goberno "antigalego e desleal" que ten como "única máxima" gobernar "a favor das multinacionais".

INDUSTRIA, MINAS E ALTRI

   Neste punto, Ana Pontón reprochou a Alfonso Rueda non conseguir proxectos de futuro e "só traer" iniciativas "contaminantes que os demais non queren" e que, na súa opinión, son "máis propias do franquismo industrial que dunha Galicia do século XXI".

   Puxo como exemplo a mina de Doade, explicando que pretenden "extraer litio para as baterías de coches" mentres que a fábrica "vai para Zaragoza, onde creará 4.000 empregos". "Para Galicia espolio, destrución e contaminación; para outros, emprego, tecnoloxía e produción. Ese é o resultado de gobernar contra Galicia", lamentou.

   Así, tras ironizar con que Rueda terá tempo de "nomear a dedo a outro cargo político que lle faga a declaración de impacto ambiental como fixo con Altri", Pontón, pondo como exemplo tamén a factoría que a multinacional lusa quere instalar en Palas de Rei, preguntouse cal será a "próxima porta giratoria" de cargos populares. "Será a súa? Méritos está a facer, porque leva meses peregrinando por despachos de Madrid e Bruxelas reclamando para Altri 250 millóns de euros de axudas públicas", apostilou.

   Neste contexto, propuxo a Rueda que desactive "esa bomba ambiental" e traballar xuntos para que ese diñeiro sirva para "rexenerar a ría de Arousa, apoiar ás Pemes e aos sectores produtivos".

   "Megaminería contaminante, macrocelulosas e favorecer o espolio das eléctricas por terra e por mar. Por que tanto empeño en reducir Galicia a unha colonia das multinacionais? A este paso o que lles falta é pór un cartel: 'Galicia, véndese'", continuou Pontón.

   Tamén neste punto introduciu o bono para fomentar o consumo de peixe anunciado este mércores polo titular do Goberno galego, ao que pediu seriedade para axudar ao sector e instou a empezar por "coidar as rías" e a non "arruinalo coa contaminación de Altri".

   "Aínda non explicou por que Altri é de interese xeral e a xente do mar non. Explíqueo porque non vai ter mellor ocasión nin mellor lugar. Explíquenos por que no medio dunha emerxencia climática quere converter o noso monte nunha polvoreira", reiterou a líder nacionalista.

SANIDADE: "EMPREGAN A MOTOSERRA"

   Doutra banda, Ana Pontón censurou que o Executivo autonómico use a "motoserra" para "recortar" en sanidade, "cebándose", dixo, especialmente coa atención primaria, "cun recorte acumulado de 2.000 millóns".

   Fronte a isto, expuxo a "alternativa do BNG" para reforzar a sanidade pública que, entre outras cousas, pasaría por un plan de rescate da atención primaria até destinar o 25% do orzamento total de Sergas, un novo plan de saúde mental, recortar as listas de espera e mellorar as condicións de traballo dos profesionais.

   "Menos teatrillo e dote á sanidade pública dos profesionais que se necesitan e coa dignidade que merecen", reclamou.

   Tamén presentou a alternativa dos nacionalistas en materia educativa e de políticas sociais. Sobre isto último acusou a Rueda de lanzar "promesas baleiras que non solucionan os problemas" e que teñen idéntico resultado: "a nada".

   "Debe ser parte do seu 'estilo Rueda': demostrar unha vez e outra que a súa palabra non vale nada", destacou a portavoz do BNG, que lembrou que os nacionalistas apostan pola creación dun Sergas dos servizos sociais para colocalos ao mesmo nivel que a sanidade e a educación.

'RUEDAFEUDALISMO'

   Por outra banda, Ana Pontón reprochou a Alfonso Rueda o acto para celebrar o primeiro ano de lexislatura na Cidade da Cultura, onde, censurou, "a xente ten que ir darlle as grazas ao gran líder polos favores que reparte", o que definiu como "Ruedafeudalismo".

    "Vostede non quere dereitos, quere caridade. Non quere cidadáns, quere servos. En política non vén a servirse da xente, vén a servir á xente", reiterou.

   Ademais, nesta primeira réplica ao titular do Goberno galego, Pontón aproveitou para reivindicar as alternativas que os nacionalistas propoñen noutros asuntos como vivenda, entre as que destacou declarar zonas tensionadas, retirar todas as vivendas turísticas ilegais do rexistro da Xunta e mobilizar vivenda baleira para pola en aluguer social.

"RESPECTO"

   Tamén pediu a Alfonso Rueda que "non degrade a democracia confundindo a maioría absoluta con absolutismo" e reprochoulle que en tres anos "só se reunise unha vez" coa líder da oposición e "sempre desprezou a man tendida do BNG para chegar a acordos de país".

   Do mesmo xeito, demandou a Rueda que "respecte" a lingua galega, unha cuestión na que Pontón considera que o líder do PP practica unha política "de acoso e derriba". Por iso, lembrou que o BNG propón pactar prazos e orzamentos para aplicar o Plan Xeral de Normalización Lingüística e derrogar "o decreto da vergoña".

    "Tiveron a oportunidade de transformar este país, pero déixannos unha Galicia con menos poboación, con menos emprego industrial, onde as listas de espera crecen e onde estamos á cola en innovación. As súas decisións lévannos a este balance", relatou Pontón, que concluíu reivindicando que "é necesario" pór en marcha novas medidas e proxectos, así como un goberno que "actúe desde a confianza no país e na xente".

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado