Pontón augura que a cidadanía de Lugo "porá ao PP na oposición" nas municipais: "En política non vale todo"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa.
BNG
Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 4 mayo 2026 12:34

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 May. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrouse convencida de que o PP "non vai durar máis dun ano" no goberno do Concello de Lugo porque, augurou, "a cidadanía de Lugo, en canto poida votar, vai pór ao PP na oposición".

   A preguntas dos medios este luns en rolda de prensa sobre a moción de censura que se votará o xoves no consistorio lucense, a líder nacionalista asegurou que en Lugo "se está vendo a cara real do Partido Popular", un partido que "está disposto a todo con tal de facerse co poder, sen importarlle as consecuencias que iso teña e sen ningún principio ético".

   "O que imos ver este xoves en Lugo é como o PP cre que pode pasar por diante da cidadanía comprando a unha tránsfuga con pactos escuros e sen importarlle a opinión da xente", reprochou.

   Así, insistiu en denunciar "unha moción infame", para a que aos populares "non lles importa valerse mesmo da morte de tres concelleiros para facerse co poder". "Cremos que en política non vale todo", advertiu antes de subliñar que a cidadanía "responderá en canto teña opinión de poder facelo nas urnas" mentres o BNG "seguirá defendendo a democracia".

   Tamén cuestionou "como vai exercer o poder" o PP en Lugo tras chegar ao goberno local "sen límites". "Está claro que é un partido ao que non lle importa a democracia. Estou convencida de que non vai durar máis dun ano porque a cidadanía de Lugo, en canto poida votar, vai volver a pór ao PP na oposición", resolveu.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado