Pontón dá o primeiro paso para optar a un dos "retos máis grandes" da súa vida: ser a próxima presidenta da Xunta

Aspira a liderar un Goberno feminista, para a mocidade, os maiores e o rural e, en definitiva, "para mellorar a vida das persoas"

Archivo - Arquivo - A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ante o Consello Nacional.
BNG - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: domingo, 29 octubre 2023 12:37

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Oct. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, formalizou a súa candidatura para ser elixida pola militancia nacionalista como candidata á presidencia da Xunta en 2024, un dos "retos máis grandes" da súa vida.

   "Son Ana Pontón, nacín en Chorente, son neta de Carmen, filla de Aurita e nai de Icía e quero ser a próxima presidenta de Galicia", proclamou este domingo arroupada por unha vintena de mulleres da formación nacionalista entre as que se atopaban deputadas no Parlamento como Noa Presas, Montse Prado ou Rosana Pérez, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

   Así, Pontón asegurou que quere ser presidenta porque Galicia "merece moito máis" e mostrouse convencida de poder conseguir "unha Galicia en grande" que "mellore a calidade de vida de todos".

   A líder nacionalista dixo que confía en Galicia, "no seu potencial, na súa capacidade e na súa xente" e tamén sinalou que dá este paso adiante porque quere ter a confianza das mulleres que "queren avanzar en dereitos e igualdade", pero tamén de todos os homes "que queren construír unha Galicia feminista".

   A mocidade e os maiores tamén forman parte dos colectivos para os que aspira a ser presidenta. "Quero que a xente nova saiba que hai futuro aquí, que traballaremos para ter unha vida digna, un país no que poidan soñar e facer realidade os seus soños. E a xente maior deste país ten que ser atendida como se merece e ten dereito a pasar a súa vellez con tranquilidade e sabendo que sexan cales sexan os seus ingresos van ter os coidados que necesitan", reflexionou.

   Así mesmo, lembrou que aspira a ser a presidenta "orgullosa da súa lingua, da súa cultura" e que apoie aos creadores para xerar "benestar, cohesión social e máis pensamento crítico". Tamén quere pelexar por "un rural vivo, habitado e produtivo", coidando o litoral, o monte, o medio ambiente e loitando "contra a emerxencia climática.

MAIOR CAPACIDADE DE DECISIÓN

   Outro foco púxoo no ámbito científico, cunha Galicia onde a ciencia e a innovación "sexan un motor de desenvolvemento, clave para poder avanzar e enfrontar moitos dos retos como sociedade".

   Do mesmo xeito, outro dos seus obxectivos é avanzar nunha Galicia "con maior capacidade de decisión" para tomar decisións sobre enerxía, portos e aeroportos.

   Por todo isto, decidiu dar este paso adiante e presentar a súa candidatura á presidencia da Xunta, "con humildade, pero con toda a forza e toda a convicción de que se pode construír unha Galicia mellor".

   "Estou convencida de que podemos pór a Galicia entre as nacións máis avanzadas do mundo, para mellorar a vida das persoas, porque esa é a razón de ser da política", argumentou.

"MOVEMENTO DE CAMBIO"

   Ademais, Ana Pontón defendeu que sente "un profundo movemento de cambio" en Galicia. "O cambio é imparable, o cambio está en marcha e creo que é momento de que fagamos historia e que este país teña por primeira vez unha presidenta coas mans libres, desde a esperanza, a confianza e a certeza de que se acertamos nas decisións de futuro, Galicia ten inmensas potencialidades e necesita pór en marcha un cambio", manifestou.

   Nesta liña, mostrouse convencida de que Galicia é "un gran país, grande polos seus recursos e o seu potencial" e pediu "non porse límites".

   Defender os servizos públicos é outra das súas aspiracións, porque, sinalou, "non se pode permitir que se siga xogando cos servizos públicos" e instou a pór ás persoas "no centro".

   "Preséntome para ser presidenta porque quero que Galicia avance, que progrese, porque merecemos máis, porque sei que este é un gran país, que podemos avanzar, pero para iso necesitamos pór en marcha ese cambio galego imparable, que xa está aquí e que estou convencida de que vai liderar o BNG. Fagamos historia tendo por primeira vez a unha presidenta coas mans libres de calquera tutela de Madrid, deses poderes que queren gobernar sen presentarse ás eleccións e desde logo sen o amor e a confianza de Galicia e da súa xente", concluíu entre aplausos.

25 DE NOVEMBRO

   O Consello Nacional do BNG aprobou este sábado o regulamento para a elección da candidatura á Presidencia da Xunta, un proceso aberto a toda a militancia que culminará o 25 de novembro e que arrinca este mesmo martes, día 31, coa apertura do prazo para a recollida de avais.

   O calendario aprobado sinala que desde o martes até o 13 de novembro calquera militante con plenos dereitos de alta na organización poderá participar e presentarse sempre que logre un mínimo de 200 apoios, que deberá presentar no rexistro da sede nacional.

   Finalizado ese trámite, será a militancia quen tome a palabra e se pronuncie a través das 26 asembleas comarcais que se van celebrar entre os días 14 e o 19 de novembro, tal e como establece o calendario aprobado.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado